“O colexio foi pioneiro na zona de moitas iniciativas de éxito ”

“O colexio foi pioneiro na zona de moitas iniciativas de éxito ”
Lois Rodríguez diante do colexio que dirixe dende o mes de xullo d.a.

Exposicións, coloquios entre mestres e alumnos e mesmo un concerto de antigos estudantes son as propostas coas que o CPI San Sadurniño (10 de decembro de 1973) conmemora estes días o seu 40 aniversario. Co seu director, Lois Rodríguez, Diario de Ferrol aborda os logros e os retos da escola pública no municipio.

¿Cal é a súa experiencia ao fronte do centro?
Accedín ao cargo de director o pasado xullo, co cal a experiencia a día de hoxe, aínda que breve, poido calificala de satisfactoria. Sobre todo porque o equipo humano do centro, tanto persoal docente como non docente, é excepcional. Tamén teño que valorar o esforzo que está a facer o profesorado para mellorar a calidade do centro. Practicamente a totalidade está implicado no plan de formación, promovido xa pola anterior dirección. A maiores, estamos a desenvolver dous programas de innovación educativa: o plan Proxecta e contratos-programa. Lograr este grao de implicación e motivación, nun contexto económico no que se nos reduciu o poder adquisitivo nun 30%, creo que o di todo da súa profesionalidade.

¿Como ten evolucionado o colexio nestes 40 anos?
Este é o meu terceiro ano no centro e o primeiro como director polo que non son a mellor persoa para facer unha valoración pero, falando en termos xerais, hai 40 anos, o reto da educación era lograr a universalidade, e nese senso, o CPI de San Sadurniño deu cumprida resposta aglutinando ás escolas unitarias da comarca nun centro moderno e pioneiro de moitas iniciativas educativas de éxito como o proxecto do horto escolar nos anos 80 e os inicios do que hoxe é o clube de voleibol Aldebarán cun equipo na Superliga masculina e que ten o seu xerme na labor de Manolo Seco, un profesor xa xubilado, que iniciou na escola a implantación deste deporte en San Sadurniño.
Nos últimos anos a educación enfróntase ao reto de reducir o abandono escolar, atendendo á diversidade e atopando solucións para lograr a integración social tamén dun xeito universal. Temos que asumir a implantación das tecnoloxías da información na aula, no cal estamos a facer tamén un esforzo importante.

¿Que proxectos teñen neste ámbito?
O reto que temos por diante é formar a cidadáns que sexan quen de discriminar, seleccionar e utilizar de xeito adecuado toda a información que lles chega. Durante os últimos anos o centro fixo un gran esforzo en poñer a tecnoloxía nas aulas –videoproxector en tódalas clases con ordenador, dúas aulas de informática nas que renovamos os equipos o pasado verán e a participación no proxecto Abalar en 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO–. Ademáis estamos a traballar noutras tres liñas: formación do profesorado, determinación da competencia dixital por niveis educativos e ferramentas de software que permitan un contacto fluído entre alumnado e profesorado.
¿Existen diferenzas entre o ensino no rural e no urbano?
Vaia por diante que o noso alumnado ten moi bo comportamento, cunha incidencia moi baixa de conductas disruptivas. Eu tiven a sorte de traballar sempre en centros de marcado carácter rural polo que non teño elemento de comparación propio. No rural, o núcleo familiar adoita ser máis “núcleo” que na cidade, na que en parte se perde o contacto coa veciñanza e a familia.  Aquí aínda se conserva moito disto, o cal sen dúbida debe influír positivamente.

¿Ata que punto inflúe o entorno na educación que imparten?
Un proverbio africano di que para educar a un neno fai falla a tribu enteira.  En San Sadurniño temos a vantaxe de que tanto o Concello como o centro entendemos que debemos camiñar da man. Dende o mantemento das instalacións ata a colaboración en actividades, programas e mesmo na organización deste 40 aniversario. Neste curso pretendemos integrar no currículum a utilización do Arboreto, a Horta de Froiteiras autóctonas e o Aula de Apicultura, así como as visitas á depuradora de augas residuais. Tamén colaboramos en materia de xestión de residuos. Queremos impulsar un proxecto de compostaxe cos residuos orgánicos xerados no comedor e tamén a fabricación de biodiésel a partires do aceite de cociña para utilizalo como combustible na caldeira.

¿Que opina da nova reforma educativa e outros cambios introducidos como o copago do comedor escolar?
De pouco valen as reformas educativas se non van unidas a unha dotación de recursos, e refírome a profesorado para atender máis e mellor ao alumnado que ten maior risco de abandono. Tamén me preocupa como docente que neste país non exista un pacto pola educación baseado no coñecemento científico e en prácticas educativas de éxito que se levan a cabo noutros países. Debemos ser críticos coas probas de avaliación de diagnóstico xa que a verdadeira avaliación é a que facemos os docentes no día a día, contextualizada nas características do alumnado.
O comedor escolar é un servizo educativo complementario que ten unha importante labor no centro e a través do que pretendemos poñer en marcha este curso un proxecto sobre alimentación saudable. O tema das subvencións –este ano o 75% do alumnado goza da gratuidade do mesmo– e máis un tema económico e social que educativo.

“O colexio foi pioneiro na zona de moitas iniciativas de éxito ”

Te puede interesar