A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia deu a coñecer a relación de centros admitidos para participar no programa de innovación educativa “Club de Letras”. De entre os trinta colexios e institutos seleccionados, dous son da cidade de Ferrol. Trátase do CEIP Plurilingüe A Laxe de Valón e o IES Sofía Casanova.
Cada un recibirá unha achega económica de 1.000 euros para o desenvolvemento dunha iniciativa concibida, tal e como se informa desde a propia administración educativa, como “un espazo de aprendizaxe non formal baseado nunha metodoloxía de indagación”.
Neste marco, os docentes suxiren diferentes accións enfocadas ao alumnado co obxecto de que poidan afondar, descubrir e coñecer novos eidos relacionados coas Humanidades, as Artes e as Ciencias Sociais.
Secundaria
No caso do alumnado de Educación Primaria, farase a través, fundamentalmente, da escritura creativa, a exploración e creación artística e a lectura reflexiva a través, de ser posible, dunha achega lúdica e dinámica.
No destinado a Educación Secundaria e Bacharelato, procurarase unha visión transversal e interrelacionada das manifestacións literarias e artísticas, abordando perspectivas filosóficas ou históricas, e potenciando a capacidade creativa e de lectura reflexiva, “coa finalidade de fomentar competencias de comprensión e de pensamento crítico no mundo actual”.
Cada centro educativo, dentro da súa autonomía, pode desenvolver este proxecto de diversas maneiras: fóra do horario lectivo, dentro das materias correspondentes de forma transversal ou a través de obradoiros. Cada ano partirá dunha temática concreta sobre a que se fomentará a reflexión e a lectura crítica.