Desvelada a última peza do programa festivo, a pregoeira Sonia Castelo, as festas de verán de Ferrol 2015 xa teñen cuberto o seu programa e mañá comezan ás 22.30 horas na praza de España. A edil responsable da área, Beatriz Sestayo, agarda a que o tempo respecte as actividades, “aínda que estaremos pendentes das previsións”, anuncia.
A pesar do escaso tempo que o seu equipo tivo para preparar os eventos, igual que outros concellos, mira con optimismo o desenvolvemento do programa. “Creo que fixemos unha aposta moi variado, para todos os gustos, non só para os amantes do pop-rock, e sobre todo gratuíta, que é como deben ser unhas festas porque para ver outras propostas culturais xa está a programación anual”.
participación
En canto á participación de fóra, Sestayo fala do público en xeral e dos profesionais da hostalería. “A xente foi moi consciente dos problemas económicos e non nos pediron facer tolerías. Hai quen se queixou de que no houbese orquestras pero nós colaboramos con parroquias que sí as trouxeron e cremos que ese capítulo está cuberto. Escoitamos tanto ás familias como aos hostaleiros que nos comentaban que houbo anos en que non se enteraron de que había festas. A xente ía ver unha actuación e logo marchaba. Así, este ano haberá moita animación de rúa durante todo día”. En canto ao cartel en si, a edil de Festas móstrase esperanzada. “Teño que dicir que hai actuacións sobre as que nos está a preguntar moita xente de fóra e para o concerto de Malikian da Coruña xa hai un autobús e posiblemente outro desde Santiago. De Coruña tamén virá outro como mínimo para ver a Freedonia”.
gastar o que hai
En canto aos 180.000 euros do presuposto total das celebracións, Sestayo destaca o seguinte: “Tiñamos claro que non queriamos gastar máis e non engadimos partidas doutros departamentos. Isto é o que hai. Trataremos de encher a rúa e dinamizar a hostalería con este orzamento. Quizais para o ano, con máis tempo para traballar, haxa novidades nas actuacións. Unha delas podería ser o de traer concertos de pago a meses vista, o que podería posibilitar espectáculos máis chamativos. Pero xa digo que con un ano vista é máis fácil traballar que cun mes”.
No que respecta á colaboración entre áreas, Beatriz Sestayo insiste en que o goberno foi un só: “A relación con outros departamentos foi magnífica, xa non só con Cultura, senón con Deportes, Normalización Lingüística, etc. Nós coordinamos pero houbo moita sintonía. Con Suso Basterrechea, por exemplo, tiñamos claro que había que visibilizar ás propostas de Ferrol e darlles unha oportunidade aos noso artistas”.