O calendario de admisión para os programas de doutoramento da Universidade da Coruña para o vindeiro curso arrancará o 11 de agosto, momento no que se abrirá o período para a presentación de solicitudes por parte do alumnado que accede por primeira vez e do que renova a inscrición.
Este prazo prolongarase ata o 30 de setembro. A matrícula formalizarase entre o 14 e o 31 de outubro. En caso de quedaren prazas vacantes, abrirase un segundo prazo de admisión do 18 ao 25 de frebreiro de 2015 para o novo alumnado, que terá que matricularse entre o 10 e o 13 de marzo dese mesmo ano.
Este calendario foi aprobado o pasado mércores na sesión mensual do Consello de Goberno da institución académica herculina na que tamén foi aprobada a modificación da normativa reguladora da matrícula e da defensa do traballo de fin de grao (TFG) e do de fin de mestrado (TFM), que “se flexibiliza para os estudantes se poidan presentar a medida que vaian rematando os seus estudos de grao ou mestrado”, segundo a propia UDC.
Ademais, deuse o visto bo á implantación dun curso de formación específica de posgrao en Mediación que se impartirá en colaboración co Colexio Provincial de Avogados da Coruña, na Facultade de Dereito.
formación profesional
Tamén foi aprobado o acordo de implantación dun sistema de admisión adicional ao sistema universitario galego dos estudantes de títulos superiores de formación profesional e dos estudantes doutros sistemas educativos, necesario logo das últimas modificacións do Ministerio de Educación, sinalaron desde a institución académica herculina. Entre outros puntos da orde do día, ratificouse a proposta da normativa do procedemento para a selección de persoal docente e investigador interino, laboral contratado temporal e contratado doutor.