Os próximos 4, 5 e 6 de setembro levarase a cabo en San Sadurniño a II edición do Chanfaina Lab, a iniciativa audiovisual pola cal un grupo de directores retratan nas súas curtametraxes a historia e historias do municipio. Pero esta será a súa derradeira edición.
As sinerxias e os contactos que o Chanfaina Lab levou a cabo van desembocar na creación, en setembro de 2016, dun festival de cinema rural. A concelleira de Cultura, Sabela Íñiguez, destaca: “É unha iniciativa que trata de pór en valor o mundo do campo a través do cinema. Queremos ademais que sexa didáctico, que se implique a Universidade e que a actividade xenere cursos, conferencias e masterclass. Sabemos que o proxecto é ambicioso e que isto non é Cans, pero a boa resposta e resultados do Chanfaina, e sobre todo o apoio da xente, fan que se poida intentar a pesar de que os recursos económicos son moi limitados”.
De feito o concello de San Sadurniño, coa súa concelleira de Cultura ao fronte, xa estivo o mes pasado en Santiago con outros vinte organizadores de festivais de Galicia convocados pola Academia Galega do Audiovisual para falaren sobre como levar a cabo actuacións conxuntas e compartir recursos. Íñiguez sinalou que a reunión “foi unha primeira toma de contacto na que expuxemos cuestións comúns e posibles vías de cooperación entre os festivais”.
chamamento
Pero antes do cambio de formato, San Sadurniño acolle os próximos 4, 5 e 6 de setembro a segunda edición do Chanfaina Lab. Desde Cultura xa están a organizar o movemento, tanto a concelleira Sabela Íñiguez como o mentor da iniciativa, o profesor Manolo González.
Así, nun comunicado anuncian que o proxecto: “Está aberto a tódalas persoas que queiran participar realizando unha peza audiovisual ou axudando aos directores nas súas gravacións polas sete parroquias. Quen prefira estar diante da cámara, tamén precisamos actores e actrices de todas as edades. Se estades interesados podedes contactar con nós a través do correo electrónico chanfainalab@gmail.com, polas redes sociais ou chamando ao número de teléfono 687 532 890”.
participantes
En canto aos participantes nesta segunda edición do Chanfaina Lab, xa están anotados realizadores do prestixio de Oliver Laxe (“Todos vós sodes capitáns”). Canda el non faltarán directores e directoras en San Sadurniño como Pela del Álamo, Alberte Branco, Álvaro Gago, Antón Caeiro, Eloi Enciso, Gonzalo Veloso, Miguel Mariño, Natalia Porca, Sandra Sánchez, Xiana Gómez, Mar García, Ana Domínguez, Diana Toucedo, Lucía Vilela e Giselle Llanio”.