“O quinto evanxeo de Gaspar Hauser”, de Alberto Gracia (Ferrol, 1978), gañou o premio da crítica no Festival Internacional de Cine de Rotterdam. A lenda do neno que naceu e medrou encerrado nunha habitación sérvelle a este artista para expoñer as súas inquedanzas.
Que suporá para o filme un premio destas características?
A peli agora vai dar voltas por todo o mundo. Supón unha alegría moi grande porque vaino ver máis xente. Normalmente estas películas están abocadas ó fracaso neste sentido, é dicir, sóense ver nun circuíto moi pequeno. Pero no momento en que lle dan un premio a xente que o vai poder ver multiplícase.
Nin se lle pasaría pola cabeza.
Non, para nada. Se estás pensando niso, unha, ou tes un problema de soberbia moi grande ou, dúas, tes mogollón de pasta detrás e un produtor que te está metendo presión. Non o sei porque non é o meu caso. Eu fago as cousas por amor e porque necesito facelas, en certo sentido. O que vén despois normalmente é nada e ás veces sae un premio, un recoñecemento... a sorte imaxino que ten moito que ver.
Como foi a creación do filme?
Foi un proceso entre amigos. A maioría da película fixémola o director de foto, que é Mauro Herce; os produtores, que son Oliver Laxe e o seu irmán Felipe Lage; e máis eu. E despois da rodaxe quedeime absolutamente só con ela nas mans, tiven que facer montaxe, deseño de son... Fíxena eu practicamente toda.
E por que Gaspar Hauser?
Interesoume preguntarme como pode ver unha persoa como Gaspar o mundo, sen coñecer a linguaxe, sen coñecer nada fóra de si mesmo. Porque no momento en que naces encerrado e a túa vida pásala pechado nun sitio, non podes facerte preguntas sobre o que está dentro e o que está fóra, as preguntas autorreferencias... un montón de cousas. E nese senso interesoume utilizalo como alter ego para intentar ver o mundo máis aló ou máis acó da linguaxe. Intentar borrar un pouco as fronteiras entre o que está dentro e o que está fóra e nalgún sentido cargarme tódolos límites, tódalas fronteiras posibles. Por outro lado entran conceptos en xogo como a identidade, tanto a nivel político como psicoanalítico, como o queiras ver. Penso que é unha lenda que ten un interese antropolóxico moi grande.
Na película aparecen cinco personaxes pero, faino o propio Gaspar Hauser?
Non, el aparece en todo momento pero en ningún. É dicir, Gaspar Hauser son eu e o espectador tamén. Pero as lecturas que pode facer o espectador son moi diversas. O que fago é presentar unha especie de personalidade fragmentada en cinco personaxes que son moi arquetípicos, cunha carga simbólica moi importante: un anano sadomasoquista, un Batman, unha muller enigmática, un mariñeiro e un home moi escéptico que se ri dos outros catro. Esta tensión que hai entre eles, porque a comunicación é practicamente imposible pero sen embargo sempre saen xuntos na pantalla, é interesante para contar certas cousas.
Resulta curioso un superheroe como personaxe arquetípico.
É un pouco o que máis chama a atención e tamén porque o fago eu, eu fago de Batman. Pero é un Batman estúpido, moi idiota, que está fumando todo o día, e tose, e ten delirios de grandeza, etc... Por unha parte é unha forma de rirme de min mesmo e por outro lado, dentro dos cinco, é esa personalidade que leva ós demais a facer cousas. É tan idiota que é capaz de olvidarse de que non hai nada que contar para facer unha película a día de hoxe, pero aínda así tenta contar algo. É un pouco do que trata toda a película en relación ó discurso cinematográfico.
Hai ironía, escepticismo.
Si, eu fágome preguntas sobre as que xorde todo o proxecto: que película vou facer se non teño nada que contar, porque aínda que teño moitas cousas que contar sei que todas ellas son mentira, partindo de que a linguaxe é totalmente inservible para coñecer o mundo? E a outra pregunta sería: se eu non podo contar nada, a quen utilizo para poder contar algo? Hai unha carga irónica fantástica detrás moi grande pero tamén é certo que hai unha seriedade absoluta en todo o proceso, é dicir, parto da premisa de que o xogo, o xogar coas cousas dunha forma xovial, é o máis serio que se che pode ocorrer a día de hoxe.
E por que o título?
Parte deste escepticismo e desta ironía da que falabamos. Penso que todas estas preguntas que me fago en torno á linguaxe, en certo sentido xa estaban respondidas nos catro evanxeos, antes da cultura da Ilustración e da razón e de todo este gran fracaso que desembocou na posmodernidade e en non dicir nada. As obras de arte agora mesmo son un cacho branco e cóntanche unha batalla. Todo este fracaso pasa un pouco por ter deixado a relixión de lado e tentar cubrir este espazo cunha pseudorelixión como pode ser a católica e todas estas que fan negocio. Porque a relixión en realidade é simplemente a fe nun mesmo e a aceptación absoluta das cousas tal e como veñen, sen máis voltas. Parto de que non hai palabra para a palabra, que era algo que estaba escrito na Biblia antes de que existira calquera tipo de discurso racionalista... entón a linguaxe non pode falar da linguaxe, que é un pouco o que describiu a filosofía moitísimos séculos despois, despois de contarse mil rollos a si mesma. Aínda que non teña absolutamente nada que contar, esa búsqueda da verdade, en maiúscula, sempre desemboca en verdades minúsculas que son posibles grazas a esa búsqueda, a única verdade que hai é a propia búsqueda da verdade. As mentiras están aí, que son a ciencia, a filosofía..., e no intre en que aceptas que eres escéptico en relación a isto podes utilizar calquera delas ou ningunha.
Garda a película unidade coa súa obra anterior?
Si, si. Totalmente. Eu son dos que apoian a frase aquela que non me lembro de quen é de que o ser humano tan só pode chegar a pensar nunha cousa en toda a súa vida, e a maioría por suposto nin sequera iso. Entón si, é unha especie de continuo moi discontinuo pero que ten absolutamente que ver desde o primeiro debuxo que fixen ata o día de hoxe.
Desenvolviches a túa carreira na súa maioría fóra de Galicia.
Si, pero Ferrol segue sendo o meu sitio, vou sempre que podo, o que pasa é que claro, como vou comer en Ferrol a día de hoxe. Aí teño a familia e sempre, sempre serei ferrolán. Eu agora estou vivindo no monte, cerca de Barcelona, pero lonxe, porque Barcelona tampouco é que me guste nada, é unha cidade totalmente falsa, vacía... vivo nas aforas, nunha casa de madeira e moi tranquiliño, con paxariños e pouco máis.