A música e a literatura protagonizan as actividades de Nadal en Ortigueira

A música e a literatura protagonizan as actividades de Nadal en Ortigueira
Auditorio de Caranza concerto de Borja Quiza

O Nadal de Ortigueira ten son de panxoliñas, de zarzuela e de gaitas. A música protagoniza boa parte das actividades organizadas desde o Concello para celebrar as datas festivas. Cara a finais de mes intensifícase un programa que inclúe ademais propostas típicas como a chegada de Papá Noel, a cabalgata de Reis ou o nacemento vivinte na praza de Isabel II, unha das iniciativas máis distintivas do Nadal ortegano.
As actividades culturais máis próximas serán esta fin de semana, coa presentación do libro “A pena das Calandras”, de Obdulia Dopico Cachán. Será mañá venres, ás oito da tarde, no Teatro da Beneficencia. Dopico estará acompañada por Francisco Javier Martínez Prieto e por Álvaro Fernández Polo. O sábado, á mesma hora e no mesmo escenario, o protagonismo terano 3D Trans, coa súa comedia “Ride, ride...!”. Nela Cristina Mariño, Cristina Moreira e Sabela Amado Rojo contan o seu paso pola televisión. O Coro da Rá dará un concerto na igrexa parroquial o domingo 14, ás 19.30 horas. Este grupo de voces mixtas é unha cita habitual do Nadal na localidade, co seu exitoso repertorio no que hai cabida para o blues, o jazz, o soul, a samba e a música étnica.
A axenda (que comezou xa a fin de semana pasada coa apertura de exposicións de Anabel Viñas e Fran Nieto e as actuacións dos magos Benxamín e Loli e o monologuista Manolo Lojo), seguirá nos vindeiros días cunha nova presentación literaria. Será o xornalista Carlos Agulló quen presente o xoves 18, ás oito da tarde, na biblioteca, o seu libro “Addis, Addis”. O venres 19 será a quenda doutro ortegán ilustre que regresa a casa en datas sinaladas. O barítono Borja Quiza, que non para de colleitar éxitos e medrar na súa carreira profesional, non se esquece das súas raíces e actuará no teatro, onde ofrecerá un repertorio de zarzuela. As entradas véndense no departamento de Cultura desde onte mesmo (de cinco da tarde a nove da noite e ó prezo de 12 e 8 euros).
O sábado 20 actuarán na igrexa parroquial, ás oito, o coro da Escola de Música, a banda xuvenil e tamén a Banda de Música de Ortigueira. Ó día seguinte, xa no teatro, o grupo Ultreia representará “La venganza de Don Mendo”.
O mércores 24 chegará Papá Noel a Ortigueira, á praza Isabel II, ás seis da tarde. Traerá agasallos para repartir entre os nenos. Ó día seguinte será o concerto de Nadal na igresa, ás 19.30 horas. A pianista, organista e musicóloga rusa Ludmila Orlova será quen protagonice este recital.
O último evento do ano está previsto para o sábado 27, no Teatro da Beneficencia. Alí, ás oito da tarde, actuará a Escola de Gaitas de Ortigueira. Esta cita servirá para recadar fondos para unha viaxe a Nova York.
Xaneiro comezará coa celebración do trinta aniversario da asociación Gamelas e Anduriñas. Festexarano o día 3, ás oito da tarde, no teatro, cun festival de música e baile tradicional.
Non falta tampouco en Ortigueira a cabalgata dos Reis Magos, que percorrerá as rúas da localidade o luns 5, desde as seis da tarde. A súa comitiva, que irá repartindo caramelos ó seu paso, rematará na praza Isabel II, onde haberá representado un belén vivinte. Alí escoitarán as peticións de xoguetes e desexos dos nenos, os principais destinatarios dun dos momentos máis máxicos do Nadal.

A música e a literatura protagonizan as actividades de Nadal en Ortigueira

Te puede interesar