C o “Glosario crítico da poesía medieval galego portuguesa” gañou Manuel Ferreiro o premio de investigación “Concepción Arenal”. O xurado destacou, entre outros aspectos, a achega ao coñecemento dunha época esplendorosa para a cultura galega, así como a metodoloxía empregada para difundila entre o gran público.
O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Univesidade da Coruña subliñou onte que o proxecto é “produto do traballo de máis xente”, que permitiu abordar un traballo dunha “complexidade extraordinaria” ao incluír a análise exhaustiva de textos, a meirande parte deles manuscritos, e a aplicación dunha ferramenta informática que permitirá ir amosando os resultados por orde alfabética durante os próximos meses. “A páxina web –glossa.illa.udc.es– permite nestes intres consultar o glosario correspondente ao A e mais o B, e nas próximas semanas estará dispoñíbel tamén o C”.
Sendo catedrático de Filoloxía, a elección deste proxecto é cousa natural, máis se cadra ao analizar unha época na que a lírica galego-portuguesa foi, lembra Ferreiro, “punteira en Europa”. “Foino”, explica, “porque estivo caracterizada pola normalidade, sobre todo política, o que lle permitiu gozar dunha liberdade que hoxe non se ve por ningures”. Daquela, engade Ferreiro, Galicia “era un país normal no que todo o mundo, desde os reis até os servos da gleba, empregaba o galego tanto na fala como na escrita. Consecuencia desa normalidade foi unha produción cultural extraordinaria”.
Ferreiro bota man dunha frase –“Se queremos saber o que somos temos que saber o que fomos”– para criticar as “políticas xenocidas” coas que as institucións actuais están a “destruír o que con tanto esforzo construíron os nosos devanceiros”. “Á marxe”, di, “das distintas posturas verbo da formalización lingüística, o fundamental é que se está a desmantelar a nosa arquitectura lingüístico-cultural, e iso estase a facer desde as institucións que pagamos todos”.