Periodistas internacionais póñense a traballar para difundir a Semana Santa

Periodistas internacionais póñense a traballar para difundir a Semana Santa
os xornalistas, nun momento da recepción no concello

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, acompañado de diversos concelleiros, da secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro, e dos representantes das confrarías locais, recibiu onte ao grupo internacional de xornalistas que foron convidados estes días para visitar a cidade para darlle cobertura informativa á Semana Santa local. A visita enmárcase no camiño de conseguir para esta actividade a Declaración de Interese Turístico Internacional. O alcalde ferrolán salientou a importancia turística do evento, o que supón de encontro familiar e cifrou nos 3.000 cofrades que saen ás rúas o mérito do traballo.

Deste xeito e co obxectivo de lograr a maior difusión da Semana Santa, o Concello de Ferrol invitou a 15 xornalistas de medios internacionais que vivirán en primeira persoa os desfiles e o resto de actividades que a cidade ofrece de forma paralela, como a Ruta da Construción Naval, os paseos en lancha pola ría ou as visitas guiadas ao Castelo de San Felipe, entre outras opcións de ocio que presenta Ferrol durante esta semana. Segundo comunica o Concello de Ferrol, os medios para os que traballan estes xornalistas “son de gran relevancia polo seu número de lectores, tirada e distribución”.

Medios

En canto aos medios presentes, “Nexos”, de American Airlines, conta con 210.000 exemplares e case 9 millóns de lectores. O programa “Buen Viaje”, del Canal TV Univisión de Porto Rico, con 6,5 millóns de espectadores. “Vista Magazine”, de EE.UU, cunha tirada de 900.000 exemplares e 4,5 millóns de lectores. “El Tiempo”, de Colombia, con 512.000 exemplares e 1,8 millóns de lectores. “La Nación”, de Arxentina, con 354.000 exemplares e máis de 1,2 millóns de lectores. “El Universal”, de México, con 1,2 millóns de lectores. “El Mercurio”, de Chile, con 890.000 lectores. “El Comercio”, de Perú, con 700.000 lectores.    Revista “Vida y Éxito”, de Miami, con distribución tamén en Centroamericana e un número estimado de 320.000 lectores. “El Nuevo Herald”, de Miami, con 300.000 lectores.

Desde o Concello salientan que, á marxe da visita programada deste grupo de xornalistas, un equipo da televisión coreana KBS estará en Ferrol para seguir as procesións de hoxe e mañá. Tamén regresan estes días á cidade as cámaras da TVG e equipos de televisión de medios de difusión nacional como Telecinco ou Cuatro, así como responsables de axencias como EFE ou a axencia internacional de fotografía AGE-Spain & France.

Periodistas internacionais póñense a traballar para difundir a Semana Santa

Te puede interesar