Teño contado numerosas veces que, aínda que son ferrolán de nación -da rúa do Socorro, en Ferrol vello, e a moita honra-, a vida me levou a residir en diferentes lugares, nomeadamente na Coruña, onde desenvolvín a práctica totalidade do meu traballo profesional e moita e variada vida. Entre ela a pasada nas gradas do estadio de Riazor gozando daqueles espectáculos de excelente fútbol que brindou o Deportivo, a quen quixo e puido velo, ao longo dunha ducia de anos. Mais, como xa sabemos, todo o que sobe baixa e iso foi o que, de xeito paseniño, lle tocou pasar ao clube coruñés que lle volveu dar realidade ao seu vello alcume de equipo ascensor. Os seguidores non volvemos ver nin un pasable sucedáneo daquelas delicatessen, mais nas tempadas en que tocou primeira case sempre houbo algo co que desfrutar mesmo nas duras derrotas, en que o mellor xogo o puxo o contrario. Os anos de segunda xa foran outra cousa, da que, por certo, pouco vin. Como na altura me tocara volver vivir en Ferrol acudín regularmente a ver o Racing na Malata. Era 2ª B ou 3ª pero tanto tiña. A parte emocional era a mesma. Porque vendo o Racing de cativo me entrou a paixón polo fútbol e, sen chegar a afirmar, como Rilke, que a infancia é a verdadeira patria do home, iso non se esquece. O Racing sempre estivo presente na miña vida de amante do fútbol. Sempre o seguín, estiver onde estiver.
Na tarde de do sábado, como aconteceu na do 29 de novembro último, volveron enfrontarse Racing e Deportivo, os dous equipos dos que teño carnet. Daquela, se mal non recordo, pedía ver bo fútbol e que que gañase o mellor. Fútbol pouco houbera e gañara o Deportivo cun gol de penalty ao principio do encontro. Para onte non pedía outra cousa.
Mais non houbo sorte, os fados non foron propicios. Se cadra foi un chisquiño mellor o Racing, mais entendo que un empate tería sido máis xusto. Tal vez un 0-0, porque o que se di ocasións ocasións non houbo. Os principais protagonistas foron os nervios de todos os participantes –incluídos os dos bancos– e así, obviamente, non se pode xogar ben. Quen domina é a presión.
Presión que, afortunadamente, eu non tiña, porque calquera resultado me valería. Pasei, pois, uns bos momentos escoitando os comentarios de Iago Iglesias, a quen, por certo, vin, con delectación, xogar nos dous clubes. Foi bo xogador e é bo comentarista, algo pouco frecuente nas cadeas de televisión. O habitual é que se lles vexa moito o plumeiro do equipo polo que van, algo imposible de dicir de Iago Iglesias. Á marxe do moito que sabe de fútbol.
Con este resultado as cousas póñenselle bastante ben ao Racing. Derrotando o mércores ao Celta B, como desexo e penso que vai pasar, pode meterse –e oxalá así sexa– entre os tres primeiros. E con todo merecemento, sen dúbida. Pola contra, o Deportivo entra nunha situación complicada, da que, iso agardo, acabará por saír.