SANEAMENTO SI, MAIS NON ASÍ (I)

As obras de saneamento da marxe dereita da Ría de Ferrol estanse a xustificar no cumprimento da normativa europea e na recuperación da ría para o marisqueo. Sen embargo, en primeiro lugar, o modelo escollido é insuficiente e insubstentable dende o punto de vista ambiental e económico: non elimina totalmente os verquidos de augas residuais á ría e ten e vai ter uns enormes costes constructivos, de mantemento e enerxéticos a asumir por tódolos cidadáns nas próximas décadas, vía endebedamento público e subida da tarifa do servizo.
A Directiva Marco da Auga do ano 2000 obriga a disminuir a niveis aceptables a contaminación dos ecosistemas acuáticos a fin de protexer o medio e a saúde humana. Antes de fins do 2018 tódolos estados membros da UE deberán demostrar que as augas costeiras, esteiros, ríos, lagos, augas territoriais mariñas e augas subterráneas se axustan a estes límites.
Mais a Ría de Ferrol vaino ter moi crú. Despois de investimentos de perto de douscentos millóns de euros, no 2015 seguirán sen depurar, entre outras, tanto as augas residuais daqueles núcleos urbanos que os novos interceptores non recollen, como as augas suxas ocasionadas polo “lavado” que a chuvia produce nos materiais almacenados á intemperie nas instalacións portuarias (chatarra, carbón, áridos contaminantes...) continuarán a verquerse directamente á ría.
Esta obra inclúe, a parte do colector xeral, un feixe de tanques de tormenta. A función lóxica destes depósitos soterrados, ademáis de evitar inundacións, é separar as augas pluviais limpas das suxas. Mentres as primeiras pódense aliviar a un cauce ou ao medio mariño, as segundas, orixinadas polo arrastre de residuos presentes nos espazos públicos cando chove intensamente, deben ser depuradas.
Mais en Narón e Ferrol os tanques de tormenta van misturar augas brancas (freáticas), augas residuais e augas de chuvia, e as van enviar todas xuntas ao colector xeral para ser depuradas, impedindo a súa reutilización. No caso dunha chuvia forte que comprometa a capacidade de retención dos tanques, esta mistura de augas vai ser derivada directamente á ría, provocando un verquido contaminante.
A razón esgrimida para “pervertir” así o funcionamento dos tanques de tormentas é que a cidade non conta cunha rede de saneamento separativo, pero esta é só unha verdade e medias. Boa parte da rede de saneamento da cidade (Bertón, Perez Parallé, Esteiro, Recimil, Estradas de Catabois e Castela e rúas da Magdalena, Ferrol Vello, Canido e Ensanches) contan con colectores separados para augas pluviais e residuais.
Facendo caso das directrices do vixente PXOM, deberíase ir completando progresivamente a rede separativa dos diferentes barrios, ao tempo que se implementa un tratamento diferente das augas de chuvia de diversa procedencia, co obxectivo de reutilizalas para procesos industriais, rega de zonas verdes ou limpeza de rúas.
Na mesma liña compriría permeabilizar os espazos públicos da cidade e incorporar sistemas de drenaxe sostible que reproduciran no medio urbano o ciclo natural da auga, disminuindo así o volume de auga a tratar, especilamente no caso de chuvias intensas, reducindo así a sección dos colectores e a capacidade de bombeo, o caudal a tratar pola depuradora, o volume de lodos resultantes e a súa carga contaminante. Os custes enerxéticos e de mantemento do sistema serían así moito menores e o tratamento dos lodos resultantes da depuración sería máis viable.
Mais a obra en execución non conduce á posta en marcha de ningunha destas medidas, que a Nova Política Europea da Auga, centrada na re-utilización da auga de saneamento, vai esixir a partir do 2015.
Despois desta data seguramente asistiremos a outra posta en escea na que se nos explicará que o saneamento que agora se está construir non vale, e que, para evitar sancións da UE, hai que construir novas infraestruturas cuxo custe millonario só pode saír dos nosos petos.
Non estaría mal que, por unha vez, nos adiantáramos ao futuro.
* Os autores son membros de Verdegaia

 

SANEAMENTO SI, MAIS NON ASÍ (I)

Te puede interesar