Tarde de verán galbaneira
Meu amor á miña beira.
Non é só Ela o meu amor, aínda que si o principal dende fai medio século. Meu amor (amores) tamén son a familia. Toda. Un extenso, vizoso e florido ramallete de persoas dende 3 a 96 anos ben levados entre si, ós/ ás que quero e dos que desexo gozar namentres os anos, que nunca van a menos nin perdoan, termen de min.
Que é unha familia senón o máis admirable dos gobernos?Se ben se goberna, claro. Aínda que unha pesoa que non se goberne a sí mesmo, e se deixe gobernar por outros, como vai gobernar ben un país.
Desidiosa tarde deste caloroso xullo na nosa horta de Manxapán, ó pé da ribeira de Neda, desa: Neda / cunca de prata / Beleza innata / Verxel de ouro / Sen par tesouro / Pano de seda,da que falo nos meus poemarios e sempre que teño ocasión. Para ben, porque é merecente.
Aproveitando a sombraxe de varias árbores con froita madureira e provocadora, que de cando en vez me animaban a erguer a vista cara fóra do libro que estaba a ler para admirar e profundizar no interior dos carnosos froitos da Nai Natureza, de cores entre verde, amarelo e vermello que pendurados das pólas e ó compás do zoar dun vento que refoleaba dende calqueira punto, bambeaba e caían ó chan mazás, peras e cirolas, algunhas riba de min ou do libro que lía naquel momento, Azul…, de Rubén Dario, editado en Buenos Aires no ano 1939, (vintetres anos despois da morte do autor), por Espasa-Calpe, na súa colección Austral.
Lía a carta-prólogo de Juan Valera con data 22 de outono de 1888, que dende Madrid lle enviara ó seu amigo e poeta nicaraguano Félix Rubén García Sarmiento (Rubén Dario) que comezaba así: Todo libro que desde América llega a mis manos excita mi interés y despierta mi curiosidad, pero ninguno hasta hoy la ha despertado tan viva como el de usted, no bien comencé a leerlo.
A miña cabeza naquel intre era un forno quente de pensamentos. Pensaba no gran poeta nicaraguano Rubén Dario (1867-1916); no excelente escritor e diplomático español Juan Valera (1824-1905); en Newton, sir Isaac (1642-1727) por aquelo da caída dos corpos. Pensaba tamén en Azul…, nos sonetos Caupolicán, Venus, De invierno, no canto alegre de El Rey Burgués, e como non se a tiña diante dos ollos, pensaba e vía o azul agrisado da ría de Neda, coa marea chea, case largarteira, e o azul verdoso ou turquesa sombrizo das aguas do río Belelle que baixaban mainas, mesmo alí onde verte ó mar tras da igrexa de San Nicolás, despois de pasar a Ponte Grande e os Subarreiros; moito despois de fluír gota a gota, bagulla a bagulla, das fontes do Pico Vello, en Xasén, Goente (As Pontes de García Rodríguez), no monte Fontardión que o amamanta con exquisitas augas.
Atrabesa o Belelle terras de cinco concellos: As Pontes, Capela, Cabanas, Fene e Neda, formando fermosa e meiga fervenza de 45 metros de altura entre as parroquias de Sillobre (Fene) e Viladonelle ( Neda). Baixa cantando, agarimando e regando as frondosas terras polas que pasa. Canso pero alegre vén durmir e soñar á nosa querida e histórica ría: Belelle dos panadeiros / Laio en noite de luar / Pai / Fillo / Irmán do Mar.
No libro Crónicas Nedenses ( 1994) o historiador don Antonio Vázquez, cronista oficial que foi de Neda, recolle nun documento de 15 de marzo do ano 936 que o río Belelle era nomeado como Aqua de Nida, aínda que despois pasara a ser, dependendo das épocas, Nebda, Nepta, Neda, de Santa María de Neda, de Santa María do Porto e Belelle.
Ai!, se o Belelle falara, canto tiña que dicir de loitas e de amoríos. Posiblemente falara da fermosa meiga-musa (de Esquío quizais e doutros), aquela, tal vez serea, longa melena ondulada que nadaba espida tal nacera nas refrescantes augas, mesmo chegando a carón da ría, entre xunqueiras, salgueiros e tamarxeiras en flor. Alí onde moían as pedras-moas de vellos muiños sabedores de mil e un segredos, que elaboraban farturenta fariña pantrigo e millo para amasar acariñadoras mans de apostas e laboriosas panadeiras.
Comezaba este artigo falando do amor e da familia. Amor, familia, e engado a palabra felicidade, vocábulos estes que deberan estar recollidos en tinta de ouro en tódalas Academias da Lingua do Mundo.
A palabra e a felicidade deberan estar en tódalas casas e familias e nunca saír delas. Aínda que sei que é imposíbel nun país que se desvive en profunda crise, con drásticos recortes, que pasa dos seis millóns de parados e cun goberno emporcado que fede de lonxe, que só defende ós poderosos, que nos ten en total abandono e baixo as poutas chouriceiras e dominadoras de ducias de “bárcenas”polo que somos o faime rir do mundo.
Don Mariano, que democracia defende vostede? Están facendo moito dano a España. Por que non pilla unhas longas e ben merecidas vacacións?...
Hoxe no meu peito, ó igual que no leito do río Belelle ó desaugar na ribeira de Neda unha ducia de turbinas moven unha fabrica de soños.
De soños que sei seguirán sendo soños, namentres na comarca de Ferrol sigamos desangrándonos perdendo ducias de postos de traballo tódolos días e centos de persoas ben preparadas van camiño da emigración levando con elas, á parte dun gran desencanto, a riqueza cultural, social e económica do noso país a outros con gobernos intelixentes, pero aproveitados.