Andar ás crebas

Encetara o seu labor polos Crebadoiros. Pasara xa polo Pitillón e concluíra na praia da Fonte, ao carón da illa da ermida de Santa Comba. As mareas vivas deses días traballaran arreo. Víanse, como algúns anos por estas datas, as cadernas daquela vella traiñeira que asomaban de debaixo da area, e que figuraban os restos óseos do esqueleto dunha balea. Un par de troncos de teca, un bon garrafón de vidro recuberto de rede, varias boias, unha caixa de madeira con varias latas de petróleo. Todo canto sobordara, aquilo que rescatara para arriba do que era a liña da marea, tiña dono, era seu xa”. 
O costume dos nosos paisanos de “pasear a praia”, “roldar a praia”, “andar ás crebas” ou outras maneiras que seguramente haberá para expresar esta actividade, consiste en aproveitar a marea baixa por ver de achar obxectos de utilidade que o mar foi traendo. Este costume tan habitual no noso litoral conta con leis propias que o dereito consuetudinario avala. Así pois, aquilo que se “sobarda”, isto é, que é retirado por alguén por encima da liña da marea, pasa a ter dono, pois pertencerá a quen o fixo. Deste xeito fica reflectido neste fragmento, contido nun relato da miña autoría, “Patria do vento Tourón (os males de amor da serea Margarida)”, publicado neste pasado ano na revista Columba. O vello Venancio, un dos personaxes principais, anda a pasear a praia para ir sobordando aquilo que o mar fora deitando fóra após unhas mareas ben grandes neses días. 
O escritor Francisco Fernández Naval, apoiado cunha parte fotográfica da autoría de Maribel Longueira, ten abordado este curioso tema nun libro publicado pola editorial Baía en 2014. O seu título é As crebas. Outro xeito de andar ao mar. Francisco Fernández Naval, home nacido terra adentro, en Ourense, pero veciño da Coruña, dinos no prólogo que coñeceu a plabra “creba”, grazas ás veciñas de Sestelos. Explícanos, así, que desde que ten casa en Lira, no concello de Carnota, dá en recoller na praia boias, flotadores de cortiza, bandeirolas para localizar aparellos, madeira para botar ao lume da lareira ou para talvez esculpir, e outra chea de obxectos botados polo mar. Deste xeito, despois dunha ocasión en que viña de facer a súa recolla, foi cando acabou por descubrir que a inocente actividade que el xulgaba estaba a realizar tiña un nome, “andar ás crebas”, e mesmo existía un “oficio”, o do “crebeiro”, levado ao cabo por algunhas persoas de xeito case profesional como unha forma de sustento en tempos de fame. Dáse aínda a circunstancia de que un filme galego de 2011, Os Crebinsky, dirixida por Enrique Otero, toca tamén este mesmo curioso afacer. No filme, as chuvias torrenciais provocan a chea do río, arrastrando os dous irmáns Krebinsky, xunto coa súa vaca. Milagrosamente vivos, reaparecen na costa, onde se instalan ao pé dun faro, e sobrevivindo grazas ao que van apañando do que atopan na liña da marea, isto é, andando ás crebas. 
Asociado a este actividade, tanto a literatura como o cinema teñen tocado o asunto dos “wreckers”, por veces adaptado o vocábulo foneticamente á nosa lingua como “raqueiros”. Canto hai de verdade, canto de lenda nisto que se conta? Sabemos limitadamente algunhas cousas que, en moitos dos casos, conviría verificar, mais que fan parte xa do noso legado. 
A crenza de que en noites de temporal habería persoas que colocaban farois nos cornos das vacas ceibadas para se moveren libremente, xulgando así os mariñeiros estaren preto dalgunha poboación ou doutra nave, facía que os navíos procurasen o aconchego do litoral, co conseguinte embarrancamento ou o choque contra os rochedos. A inevitábel consecuencia daba lugar ao posterior saqueo. 
Fálase, mesmo nalgún dos casos, que até se chegaba a matar a tripulación, aínda que non temos constancia de tal. Esta práctica, disque, era común a varios países do arco atlántico, tanto de Galiza, como de Cornualles, Gales, Irlanda ou da Bretaña. Deste xeito, e amparados no dereito de naufraxio que proviña do medievo, en que o señor feudal podía ficar cunha importante porcentaxe da carga, os paisanos actuarían de maneira análoga, sabéndose nunha actividade paralegal, viva até ben entrado o séc.XX. 
 O filme de Alfred Hitchcock, Jamaica Inn, baseado na novela do mesmo título, da escritora Daphne du Maurier, conta a historia dunha banda de piratas de terra. En connivencia co señor da comarca, en terras de Cornualles, levan a cabo os seus latrocinios, tendo lugar o reparto do botín na pousada do mesmo nome. Tamén noutras expresións artísticas, como é o caso da novela gráfica –Cabana de Balieiros de Tokio–, os cornos dos bois serven para prender os fachos que despistan os barcos cara á terra para seren saqueados. Do mesmo xeito acontece noutro relato meu, en Sobre comboios, janelas e outras pequenas histórias, en que o fareiro protagonista rememora a súa vella estirpe, xa proveniente dun primeiro avó rapinante de naufraxios, posteriormente arrepentido. Falan os veciños de Peniche, na costa de Leiria, de prácticas semellantes, cuxo engano era prender un lume nun burato na area, facendo mover un pano, xogando a mostralo e a ocultalo como se se tratase da luz dun faro. Dona Emilia Pardo Bazán teno abordado no conto “La ganadera”, en que un párroco tenta disuadir os seus fregueses de que poñan en práctica o seu costume de facer chocar os barcos contra a costa. Ou, un último, como o recollido na peza teatral Mourenza, de Cotarelo Valledor, coa traxedia da morte do namorado da moza protagonista que regresaba no barco que é asaltado polos piratas de terra. 
Comezabamos o noso artigo falando acerca do sentido de “andar ás crebas”, “pasear a praia ou roldala” e de “sobordar” o que a marea trae. E, con posterioridade, seguimos tratando doutro tema moi afín, como é o dos raqueiros ou piratas de terra, práctica, polo que se di, mesmo criminal en ocasións, pois contemplábase a eliminación dos tripulantes dos navíos. Sexa como for, ambas as empresas non deixan de ser máis que actividades ligadas á pobreza extrema de lugares illados, incomunicados, de modo que a dureza da invernía impedía moitas veces un sustento que dependía da pesca, dando lugar ao máis grave dos costumes citados, como o da pirataría.
 

Andar ás crebas

Te puede interesar