Volver

Moitas veces recordo que nos últimos anos da infancia e na preadolescencia, anos de radio –aínda que na casa xa había televisión–, nas primeiras horas da noite dos domingos, xa metido na cama, adoitaba escoitar “El partido de esta tarde en el estadio”, a crónica que do visto no Manuel Rivera do Inferniño facía Luís Porta de la Encina, a quen moita xente recordará, pois faleceu hai máis ou menos unha década. A do cronista non era, precisamente, unha desas voces que nos cautivan, mais o que contaba sempre tiña o seu aquel. Sen ir máis lonxe o de poder confrontar o que lle parecera o partido co que me parecera a min. Desde logo, como é habitual neste tipo de situacións futboleiras, o máis frecuente é que houbese disparidade de criterios. O que non hai dúbida é de que sempre nos unía o amor ao Racing. Non debeu perder un partido de non ser obrigado polas circunstancias. Era un auténtico forofo. Agora, desde hai ben anos, xa non escoito crónicas desas. Non sei nin sequera se as haberá. Se cadra son cousas dun pasado que marchou para non volver. En fin.


Onte estiven na Malata vendo o partido do Racing contra o Marino de Luanco. Foi a primeira vez que puiden facelo na presente tempada, dominada por esta maldita peste coronavírica que nos ten a malvivir. Foi unha regalía. A tarde presentábase espléndida para poder gozala vendo fútbol. E abofé que o Racing podía ofrecérnolo.


O feito de, como dixen, non ter podido estar antes no campo da Malata non me impediu seguir a traxectoria do club neste campionato que está dando as últimas boquexadas, pois puiden ver todos os partidos que nos ofreceu a TVG. Desde logo non hai comparación entre o que vemos nunha pantalla e o que podemos ver nun campo. Inclusive diría que tamén percibín diferenzas entre ver un partido destes de asistencia moi limitada e outro cun campo máis ou menos cheo. Falta colorido nas gradas, falta barullo.


En calquera caso, en liñas xerais, tiña idea de que o Racing ten un equipo que pode e sabe ofrecer momentos de fútbol vistoso que non sempre conseguiu converter en eficaz e contundente.


Vímoslle perder un lote de puntos, que non merecía ter perdido, por falta de pegada en momentos concretos. Pegada, que, por outra parte, ten. Onte vímolo. Meteu dous goles que puideron ser algúns máis, porque tivo ocasións claras para facelo. Gustei moito do xogo do primeiro tempo, realizado practicamente en campo contrario. Non tanto do da segunda parte, na que me pareceu ver certo conformismo. O rival apenas apretou e, realmente, non pagaba a pena arriscar.


Nesta liga tan carente de sentido temos visto cousas tan raras... O caso é que, de momento, o Racing se colocou á fronte da clasificación. A ver que acontece mañá. E logo xa se verá. Dáme que xogando así como hoxe imos ter final feliz. 

Volver

Te puede interesar