Ilusión e optimismo entre os libreiros no regreso da feira literaria de Ferrol

Ilusión e optimismo entre os libreiros no regreso da feira literaria de Ferrol
A Feira do Libro de Ferrol abriu ás súas portas onte, ás once da mañá | jorge meis

Con moitas ganas, optimismo e ilusión mais tamén á expectativa da resposta do público á unha cita que, logo de ser cancelada o pasado ano por mor da pandemia, volta á cidade ferrolá para poñer ata o domingo aos libros e profesionais do sector literario e editorial no centro da axenda cultural.

Así encaran as librarías presentes na Feira do Libro de Ferrol –Pedreira, Day, Cortizas, Galiano e Metropolis Comics– un evento inaugurado onte –Día Internacional do Libro– na praza da Constitución coa intervención, como pregoeiro, do escritor Henrique Dacosta.

Na súa alocución, na que se foron sucedendo referencias a senlleiros autores como Concepción Arenal ou Carvalho Calero así como a moitos outros actuais compañeiros de escrita, reivindicou deixarse seducir polos libros. “Acariciémolos, ulámolos con deleitación e, se nos parece, adquirámolos”, dixo.


El forma parte tamén da lista de 34 autores e autoras que durante os tres días pasarán pola feira para asinar exemplares das súas obras. Farano nunha caseta dedicada exclusivamente a esta finalidade –antes da actual crise sanitaria, os encontros tiñan lugar nas propias casetas das librarías participantes– e coincidirán dous en cada hora.


A Feira, concentrada este ano en tres días, abría ás once de mañá de onte –Día Internacional do Libro– as súas portas para recibir aos primeiros visitantes. Un cuarto de hora máis tarde, Manuel Romero (Metropolis Comics) celebraba a primeira compra do día. “Tiñamos moitas ganas de volver, xa apetecía, sobre todo despois de que o ano pasado non se puidera celebrar”, comentaba.

Todos agardan que o tempo acompañe o máximo posible para animar á cidadanía a visitar os stands e beneficiarse así do dez por cento de desconto que se aplicarán durante os tres días en todas as compras.


O acto de inauguración contou tamén, entre outras, coa participación do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do alcalde de Ferrol, Ángel Mato. O primeiro quixo agradecer ao sector do libro o “seu compromiso intacto para amosar o mellor das letras” así como a súa capacidade para adaptarse á actual situación sanitaria. “Esta feira demostra o enorme esforzo feito polo noso sector editorial para recuperar paulatinamente a normalidade e seguir achegando á cidadanía o traballo de todos os axentes implicados no sector”, engadiu.


O alcalde de Ferrol, pola súa banda, defendeu o valor da literatura como “artigo de primeira necesidade” e salientou a especial significación que ten recuperar con certa normalidade este tipo de eventos logo dun ano de pandemia. Asegurou que para Ferrol é moi importante a celebración da feira e comprometeuse para traballar, desde o Concello, coa finalidade de conseguir cada vez máis participación de librarías y máis público.


Horario

A XXXI Feira do Libro de Ferrol é a primeira das doce que este ano terán lugar por toda a comunidade galega baixo a organización da Federación de Libreiros de Galicia coa colaboración das administracións. Todas desenvolveranse baixo o lema “Libros no camiño”, en homenaxe ao Ano Xacobeo.


As casetas permanecerán abertas hoxe en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas e mañá no mesmo horario pola mañá e de 17.00 a 20.00 horas pola tarde. En todo momento aplicarase un protocolo de actuación para visitar as casetas coa fin de trasmitir total seguridade. 

Ilusión e optimismo entre os libreiros no regreso da feira literaria de Ferrol

Te puede interesar