Porque nunca quixen ser cómplice de calquera tropelía que se puidese cometer, sempre pensei que na vida ía investir nin un pataco nas bolsas de valores. Non gusto, ademais, de ningunha caste de especulación nin de todo o que teña que ver co anonimato, pois non me ofrece credibilidade nin garantía ningunha. Quen fai as cousas? Quen, cando, como e por que decide? Son dos de luz e taquígrafos, malia que a actividade taquigráfica teña perdido relevancia. E, naturalmente, contrario a toda caste de escurantismos. Como ando xa –aínda que non saiba cantos van ser– nos anos finais da miña vida debo dicir que fun fiel a ese pensamento que aniña no meu maxín desde que teño uso de razón. Nunca quixen ser inversor e nunca o fun.
Porque as actividades bursátiles foron creadas –aló polo século XVII– como instrumentos para fomentar o capitalismo. E de aí nunca se moveron.
Polo que coñezo, á xente do común que inviste os seus aforros en empresas que cotizan en bolsa o único que lles interesa é que ese investimento lles proporcione ganancias. Pouco ou nada queren saber de como se xeraron eses beneficios. Ao parecer nada ten que ver con eles. Mais, como é sabido, nas bolsas de valores hai empresas de todo tipo, que, á súa vez, invisten noutras empresas, co que o inversor de a pé nunca vai saber –aínda que tivese interese en sabelo–cal foi o destino que se lle deu aos poucos ou moitos cartos que investise na empresa que for. Porque quen lle garante que o diñeiro que investiu en determinada empresa non foi utilizado por ela para comprar bonos doutra que realiza actividades ben diferentes. O pequeno inversor mete cartos nunha empresa que, poñamos por caso, fabrica automóbiles -actividade que, a priori, non ten nada de pernicioso- e pensa que ese seu diñeiro vai servir para iso, para facer vehículos de automoción. Mais, se cadra, esa empresa ten accións de fábricas de armamento, de praguicidas que arrasan con todo o que se move -humanos incluídos-, de deforestación de selvas tropicais... De empresas de calquera ramo que teñan os produtores ou produtoras explotadas ou semiescravizadas, que as discriminen por razóns de idade, sexo, raza, orixe, relixión... Porque é evidente que, co uso das armas e municións que fabrican as empresas armamentísticas, todos os días, morren moreas de persoas. Eu non investín niso, poderían dicirnos. Xa, mais...
Isto ben a conto da lectura no noso Diario da noticia que ensombreceu o deleitoso momento do matinal café con galletas: a caída do prezo das accións das farmacéuticas que fabrican vacinas contra a covid-19 pola proposta de suspenso temporal da propiedade intelectual das mesmas. Só pensalo méteme medo, e abofé que non son timorato. Queda manifestamente claro, por se xa non o estaba suficientemente, que nesta sociedade global, que se pretende consolidar e perpetuar, o único que prima é o lucro. Veña de onde veña e caia quen caia. As entidades sanitarias privadas están máis para facer caixa que para salvar vidas. Farmacéuticas hai que a conta da pandemia subiron en bolsa máis do cento por cento. E parece que non lles chega.