As sete aulas hospitalarias galegas contan xa con novo material para axudar aos nenos e nenas a afrontar as súas estancias hospitalarias e operacións con máis seguridade, a Saqueta Emocional do Hospital. O benestar dos rapaces e a comprensión e solución dos seus medos e dúbidas atopan un camiño de expresión máis doado nos xogos deseñados polas propias docentes de Ferrol –Pilar Porta–, Ourense –Montserrat Otero– e Lugo –Margarita Agruña–, coordinadas pola responsable da aula ferrolá. O alumnado do IES Leixa pon a súa habilidade na creación do material e a Secretaría Xeral de Política Lingüística aporta a financiación.
Esta Saqueta presentouse onte, Día do Neno Hospitalizado, no Centro de Formación e Recursos do profesorado de Ferrol, coa presenza, ademais da dos responsables da iniciativa, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do subdirector de humanización da área sanitaria, Juan Manuel González.
A Saqueta Emocional nace nas aulas hospitalarias e conta coa axuda do IES Leixa na elaboración do material
O lote de xogos e actividades está dirixido a idades entre os tres e os dezaseis anos. Inclúe un portfolio, “Educación a esgalla”, a través do cal os nenos poden falar do que senten durante o proceso. No “Mandil sentimental” pegan as distintas emocións e especifican como se senten cada día. O “Labirinto das emocións” permítelles transitar polas situacións coas que se atopan ao longo da súa estadía hospitalaria e o “Diccionario hospitalario estrafalario” achégaos a conceptos e vocabulario relacionados co hospital. Tamén contan cos “Dados hospitalarios” e co “Dominó do hospital”, xogos todos para traballar os seus sentimentos e a súa relación coa enfermidade, o malestar e as súas vivencias no hospital.
Estas innovadoras ferramentas educativas e sanitarias atenden ademais á diversidade dos rapaces, fomentan o uso da lingua galega e promoven á igualdade de xénero.
A aula hospitalaria de Ferrol, con Pilar Porta á fronte e en colaboración con outros departamentos e centros, vén traballando na elaboración de materiais de apoio emocional aos nenos desde hai tempo, con importantes recoñecementos.
A biblioteca móbil Contos Sanadores Rodantes e o vencello establecido a través deles entre os nenos ingresados e os escolares do CEIP A Magdalena, das Pontes, mereceu a pasada fin de semana un premio nun congreso internacional sobre acoso e ciberacoso na categoría de boas prácticas en Educación Primaria. Tamén foi un proxecto conxunto de Ferrol, Ourense e Lugo, tres áreas sanitarias cun perfil de pacientes semellante.
En marzo de 2020, pouco antes do estoupido da pandemia de covid, presentouse o conto “O meu paso polo quirófano”, feito por Pilar Porta e pola anestesista Esther Moreno, con ilustracións de Iván Fernández. Distribuíronse un milleiro de exemplares e supoñía un apoio para os menores que tiveran que someterse a unha intervención cirúrxica. Foi ademais presentado nas I Xornadas de Humanización do Sergas.