A que se xoga?

Nos días de bombardeos do exército israelí sobre poboacións palestinas da franxa de Gaza chamoume a atención a recepción que a presidenta de Madrid lle fixo á embaixadora de Israel en España. Tratábase, segundo o que trascendeu, de establecer nexos encamiñados a frear o antisemitismo e a estreitar os lazos económicos e culturais. Ademais, tal e como declarou a embaixadora, a presidenta madrileña mostroulle o seu apoio á ofensiva militar. A min, desde logo, non me parece moi oportuna unha reunión deste calibre nun momento en que as Nacións Unidas estaban chamando a un alto o fogo para deter a matanza de poboación civil, maioritariamente mulleres e nenos. Pero a xente do PP é así, que se lle vai facer. Afortunadamente, e malia o apoio da señora Díaz Ayuso, nestes momentos, parece que a ofensiva parou, que, de momento, o demandado silencio das armas xa tivo lugar.


Ao tempo asistimos ás veladas ameazas de diferentes personalidades da ditadura marroquí, acompañadas desas sinistras manobras de enviar moreas de xente nova a cruzar, tan alegre como ilegalmente, as fronteiras de Ceuta e Melilla, non con outro obxectivo que o de xerar fisuras na E que favorezan as súas pretensións de asegurar o control sobre o Sáhara. Esas actuacións que levaron a Casado a manifestar: “Creo que el gobierno tiene que actuar para preservar la soberanía nacional en una ciudad española como Ceuta que lleva 600 años ondeando nuestra bandera”. Todo moi correcto, se non for o significado esaxero no número de anos. Se cadra, sería moito pedirlle a Casado que lese, mesmo parcialmente, a crónica quiñentista da Tomada da mui nobre cidade de Cepta per El Rei D. João o primeiro do nome rei de Portugal e do Algarve aos 21 dias do mês d’ Agosto de 1415...”, de Gomes Eanes de Zurara, mais quen aspira a ser un político de certo nivel debería saber, cando menos, que a cidade só foi recoñecida como de soberanía española no Tratado de Lisboa de 1668. Isto é, case 300 anos menos que dos ditos polo dirixente do PP. E da adopción e dos usos da bandeira xa non falemos. Habería que quitar aínda ben máis anos. Pero máis grave que estes “despistes” seméllame silencio do señor Casado a respecto do que denominou “crisis diplomática” que foi “ignorada y ocultada” polo goberno, parece que en velada alusión á entrada en España de Brahim Ghali, para recibir asistencia médica. Crise que, segundo dixo, xa advertiu o PP hai xa un mes. Posiblemente o líder da oposición soubese diso polas conversas que se sabe que tivo con dirixentes marroquís sobre o tema de Ghali. Chama a atención que en ningún momento culpabilizase de nada nin a Mohamed VI nin ao goberno marroquí. O da rapazada “invasora” foi algo espontáneo. Como no seu día a Marcha Verde. Do que non se fala é de que Ghali é presidente da República Árabe Saharaui Democrática, que pertece á Unión Africana e está recoñecida por non poucos países. En condición de tal asistiu ao V Cumio Unión Africana-Unión Europea celebrado en Abiyán en 2017. Así, que curioso, aparece na foto oficial na que tamén está o rei Mohamed. Tampouco nada se di de que a día de hoxe España é a potencia administradora do Sáhara Occidental mentres non se celebre o referendo pactado.


Por que non se fala de todo isto en vez de andar temperando gaitas ou co rabo entre as pernas? Medo a que?

A que se xoga?

Te puede interesar