Un equipo do IES de Ortigueira, no certame CanSat da Axencia Espacial Europea

Un equipo do IES de Ortigueira, no certame CanSat da Axencia Espacial Europea
Os alumnos do instituto ortegano que representan á comarca no certame | xunta

Alumnos do IES de Ortigueira participaron onte na fase autonómica do concurso de proxectos espaciais CanSat, unha iniciativa impulsada pola Axencia Espacial Europea que conta coa colaboración da Xunta para a súa posta en marcha en Galicia.


O centro do Ortegal, que presentou o equipo “Ortisats”, é un dos nove que concorren a esta competición na que os participantes desenvolven todos os procesos dunha misión espacial real, explican desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é dicir, desde a elección dos obxectivos ata o deseño do “cansat”.


Así, os equipos –once en total– tiveron que introducir os principais subsistemas dun satélite real nun espazo do tamaño dunha lata de refresco. No día de onte desprazáronse ao aeródromo de Rozas, en Lugo, onde se lanzaron os seus prototipos desde un dron ata unha altitude aproximada dun quilómetro. A partir de aí comezou a misión práctica: conseguir a execución dun experimento científico, logrando unha aterraxe sen danos e a análise de datos recompilados durante o descenso.


O lanzamento de cada un dos satélites foi gravado –para que o xurado verifique que os “cansats” descenderon controladamente e aterraron con seguridade– e incluirase nun vídeo que se proxectará o vindeiro 2 de xuño, cando se anunciará o proxecto elixido que representará a Galicia na fase estatal, que se celebrará en Granada durante o verán.


Esta edición de CanSat é a segunda que se organiza ao abeiro da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Neste caso colaboran o departamento Aula Nova do Centro Autonómico de Formación e Innovación de Santiago e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación no marco do programa de fomento das vocacións científicas da Civil UAVs Initiative.

Un equipo do IES de Ortigueira, no certame CanSat da Axencia Espacial Europea

Te puede interesar