A Xunta remite ao Concello de Ferrol o convenio para o saneamento do río da Sardiña

A Xunta remite ao Concello de Ferrol o convenio para o saneamento do río da Sardiña
O proxecto divídese nun colector xeral e un ramal secundario, que descargarán no interceptor da marxe norte, na Malata | d.a.

A consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitiu ao Concello de Ferrol o convenio de colaboración para poñer fin ao saneamento da Malata, coa execución do colector interceptor da marxe esquerda do ría da Sardiña. Necesita un investimento de 900.000 euros, dos que a institución autonómica asumiría un 70% e o goberno local, un 30. Afecta ao tramo entre A Malata e a ponte da estrada da Malata e o prazo de execución desta obra é de seis meses.


Tal e como indican nun comunicado, a Xunta achega 630.000 euros e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata a súa finalización e recepción. O Concello pon 230.000 euros e encárgase de someter o proxecto a información pública, pór a disposición os terreos necesarios e realizar as xestións que sexan necesarias para posibilitar que a actuación se leve a cabo.


Augas de Galicia prevé cofinanciar esta intervención con fondos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.


Eliminar verquidos

A obra no río da Sardiña ten como finalidade solucionar os problemas de desbordamento e verquidos cando chove en abundancia debido á insuficiente capacidade do colector actual. Para iso proxéctase, segundo explican desde a consellería, “o desenvolvemento do ramal A Malata-Ponte da estrada da Malata e as actuacións necesarias para a conexión da rede secundaria da marxe esquerda do río ao colector xeral” para eliminar o punto de verquedura.


Trátase de dúas partes diferenciadas: a execución do colector xeral e a do ramal secundario. No primeiro caso funciona por gravidade cunha lonxitude da tubaxe de 574 metros, con 13 pozos prefabricados estancos. Descargará no pozo do interceptor xeral da marxe norte da ría de Ferrol.


O colector secundario funciona co mesmo método e ten unha lonxitude de 120 metros, con sete pozos prefabricados en PVC. O último deles alivirá no río da Sardiña para evacuar excesos de caudal cando chova.


Con este novo ramal da rede servirase a unha poboación de 1.355 habitantes.


O futuro: a zona rural

O saneamento do río da Sardiña é unha actuación reclamada con insistencia desde os distintos gobernos locais e que vén completar as obras da ensenada da Malata e ata a Graña, desenvolvidas nos últimos anos, cun investimento de sete millóns de euros. O seguinte paso será o saneamento da zona rural de Ferrol.


Desde o departamento que dirixe Ethel Vázquez lembran que o servizo de saneamento e de abastecemento é unha competencia municipal e subliñan a colaboración entre administracións e o apoio técnico e financieiro que se presta aos municipios para que o poidan levar a cabo.

A Xunta remite ao Concello de Ferrol o convenio para o saneamento do río da Sardiña

Te puede interesar