Un total de 9.379 persoas dos vinte concellos que conforman a área sanitaria de Ferrol son doantes de órganos. Teñen a tarxeta que acredita que, chegado o caso, o seu corpo servirá para salvar outras vidas. A cifra, que onte daba a coñecer a xerencia coincidindo coa conmemoración do Día do Doador, vénse incrementando aos poucos nos últimos anos. Nesta mesma data, en 2020, había 9.293 persoas con esta tarxeta; mentres que en 2019 eran 9.103 e en 2018, 8.867.
“Doar é amar. A túa solidariedade dános vida” é o lema da campaña deste ano, coa cal desde a área sanitaria quixeron chamar a atención das persoas que pasaron polo Arquitecto Marcide. Os profesionais e membros da asociación Alcer sumábanse ao acto, en agradecemento aos doadores.
Tamén no hospital Juan Cardona se celebrou un acto para chamar a atención sobre a doazón de órganos, con presenza de profesionais e de Alcer. Agradeceron a xenerosidade dos doantes, que sitúan a España en cabeza no mundo, e apuntaron datos como que, neste centro, hai 17 pacientes agardando por un ril.