Patrimonio, arte e natureza danse a man na iniciativa Viñetas no Camiño

Patrimonio, arte e natureza danse a man na iniciativa Viñetas no Camiño
Elga Fernández Lamas, cos participantes na andaina, na primeira parada do traxecto, os Xardíns de Herrera | jorge meis

Arredor de sesenta persoas, moitas delas chegadas de fóra da bisbarra, participaron onte na primeira xornada da Andaina Debuxada, unha das actividades organizadas polo Concello de Fene no marco do proxecto “Viñetas no Camiño” deseñado ao abeiro de O Teu Xacobeo da Xunta.


Ás nove da mañá partiu a comitiva –dividida en tres grupos– que cubriu os 23 quilómetros de Camiño Inglés que separan o peirao de Curuxeiras do Museo do Humor. Armados con cadernos nos que puideron plasmar as súas creacións, os camiñantes fixeron as seis paradas marcadas no itinerario. Nelas, os artistas Elga Fernández Lamas –Xardíns de Herrera–, Blanca Escrigas –paseo de Caranza–, Carmen Martín –mosteiro do Couto–, Leandro Lamas –muíño das Aceñas– e, xa pola tarde, Calros Silvar –albergue de Neda– e Cristian F. Caruncho –igrexa de San Nicolás– traballaban nas súas obras e aproveitaron a chegada dos participantes para intercambiar impresións mentres unha guía oficial da Xunta daba conta dos aspectos máis destacados do itinerario. A xornada rematou no Museo do Humor, o punto de encontro desde onde os participantes reanudarán hoxe a marcha “ilustrada” para completar os 11,6 quilómetros ata Pontedeume, remate do Camiño na comarca.


Laura Bouza –Concello de Fene–, Beatriz Seijo –Camiño de Mundín–, Dulce Anca –Fonte de Santa Lucía–, Juan M. Rubio Lozano –praia da Magdalena e confraría de Pontedeume– e Hugo Feal –na alameda eumesa– porán a nota artística dunha iniciativa que continuará cunha exposición dos traballos realizados.

Patrimonio, arte e natureza danse a man na iniciativa Viñetas no Camiño

Te puede interesar