A Real Academia Galega premia nove microrrelatos “con moita mensaxe”

A Real Academia Galega premia nove microrrelatos “con moita mensaxe”
Os premiados, diante da sede da Real Academia Galega/Quintana

A Real Academia Galega (RAG) e PuntoGal entregaron este luns os premios do IV concurso de microrrelatos a nove historias de ata 200 palabras.


Paloma de Toro (Ourense, 1985) gañou o primeiro premio na categoría de adultos con ' Non te gastes'. Pola súa banda, a exdeputada de En Marea Luca Chao (Lugo, 1988) levou o segundo premio por 'Aves de paso'. Completa esta modalidade o galardón para María Cabaleiro Alfaya (Tui, 2003) con 'Sara'.


Na categoría de 12 a 17 anos, os premiados foron: Alba Guzmán (Ourense, 2003), Nayara Alonso Barredo (Salceda de Caselas, 2004) e Lucía Álvarez Puga (Vigo, 2004).


Os gañadores na categoría infantil foron: Álex Gallego Couñago (Arcade, 2011), Niara Cabrerizo Collazo (Moaña, 2013) e Carmen Mendaña Vázquez (Santiago de Compostela, 2011). Todos os premiados recibirán obsequios tecnolóxicos --computadores, consolas e lectores electrónicos-- e relacionados coa lectura.


"Esta é xa unha iniciativa de referencia na que participa xente de todo tipo que sente que ten algo que dicir, e que quere facer chegar a súa mensaxe ao público en galego: desde nenos e nenas de primaria ata as persoas de máis idade, afeccionados e mesmo escritores profesionais unidos pola mesma paixón de contar historias, unha afección estreitamente relacionada coa da lectura e que, neste novo século, agranda o seu alcance a través da Rede", valorou o presidente da RAG, Víctor Freixanes.


No xurado na categoría de adultos participaron o presidente da RAG, Víctor Freixanes; o presidente de Puntogal, Manuel González; o director xeral de Puntogal, Darío Janeiro; a académica Chus Pato e Alba Tomé, en representación de Luzes, revista que colabora no concurso.


Os relatos presentados no resto de categorías foron avaliados polos académicos Xavier Senín e Helena Villar Janeiro; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo de PuntoGal, e o xornalista Lois Alcayde, do comité de redacción de Luzes.

A Real Academia Galega premia nove microrrelatos “con moita mensaxe”

Te puede interesar