levamos xa máis de ano e medio coa maldición, que non cesa, do Coronavirus con millóns de infectados e centos de miles de mortos no mundo enteiro, e non se lle ve o final. Eu polo menos non llo vexo.
Aínda que non se coñece con seguridade a súa orixe e se sabe pouco da súa natureza, semella que foi na China onde se detectaron os primeiros brotes. A Organización Mundial da Saúde (OMS) nos seus intentos de investigación, tropeza coa negativa, dalgún xeito sospeitosa, dos chineses. ¿Foi unha neglixencia nun laboratorio ou hai que sospeitar dun acto voluntario por parte dalgún, ou algúns, tolos, que habelos hainos en todo o mundo?. Do que si son culpables, fóra de toda dúbida, é de non alertar a tempo ao resto do mundo.
A situación, por máis que queiran quitarlle ferro as autoridades, as sanitarias e as outras, segue a ser grave tanto para a saúde das persoas como para a economía, a nivel mundial. Namentres se sigan producindo infeccións e mortes non se pode baixar a garda e para elo hai que seguir as indicacións das autoridades sanitarias que son as que mellor coñecen a pandemia e as súas consecuencias. Anque non teñamos moita fe nelas non nos queda outra, por solidariedade e por disciplina que aterse a elas. Sentidiño é o mellor consello dende o principio, mantendo as distancias de seguridade recomendadas xunto cunha hixiene corporal axeitada.
A vacinación semella ser a solución máis efectiva. Non é dolorosa e salvo contados casos non presenta efectos secundarios así que toca vacinarse todos, en todo o mundo, todas as veces que faga falta.
A mascariña, por riba da impresión, as veces depresión, que produce, é un incordio, niso estamos todos de acordo e, ao meu xuízo, a súa eficacia está por demostrar. O que si está claro é que arredor dela hai montado un negocio de moitos millóns de euros en todo o mundo, o que fai sospeitar da recomendación interesada do seu uso. Sen embargo non so é obrigado utilizala polas razóns antes sinaladas, senón que hai que esixirlle a todo o persoal que faga uso dela cumprindo en todo momento as directrices das autoridades. De aí o título deste apunte que me recorda un slogan coñecido dende hai tempo noutro contexto: Neste caso, ¡Póntela, pónsela!. Vainos nelo, ademais da saúde, a nosa propia estimación.
Nota urxente.-Cando remato coa composición deste apunte, vexo no móbil que o que eu propoño xa se lles ocorreu a outros noutrora. De calquera xeito o slogan segue sendo válido.