Refraneiro

P ráceme rematar os meus apuntes con un refrán, a miúdo relacionado co escrito, que ven a ser como unha confirmación do que quero dicir nel. Hai moito onde escoller porque esta fala nosa é moi rica en refráns que veñen a ser pequenas xoias froito do enxeño e da sabedoría popular dos galegos, que é moito e moita. Se eu tivera que definir a personalidade do galego, diría que é unha perfecta mistura de seriedade, nobreza, sentido do humor e retranca que segundo o dicionario da RAG é a “habilidade para falar con segundas intencións, en especial cando se procura unha graza intencionada no que se di”. Algo máis sutil que a ironía. Irónico pode ser calquera pero para ser retranqueiro requírense intelixencia, sentido do humor, anos de experiencia e boa vontade nos feitos e na fala.

Eu herdei dos meus maiores o gusto polos refráns, sentenzas, ditos, proverbios e adaxios, todo ven a ser o mesmo, que eles empregaban na sua fala cotiá. Xeralmente non precisan maior explicación. Hainos de tódolos tipos, un para cada tempo e ocasión. Segundo teño lido en algures existen na nosa lingua máis de dez mil. Como non é posible recollelos todos na brevidade dun apunte, aquí vos deixo unha pequena escolma para facer boca. Non teñen desperdicio:

Agora xa foi, Marica non chores./-Amiguiños si pero, a vaquiña polo que vale./-O falar non ten cancelas./-Chámalle burro ao cabalo /-En terra de lobos, hai que ouvear como eles./-Outra vaca no millo./-Xente nova e leña verde, todo é fume./-Galiñas serán pero, chéirame a can./-Canto máis lle dan ao tolo, máis quere./-Xente con xente./-Tales terras, tales nabos./-Nunca choveu que non escampara./-Canto máis burro, máis peixe./-Poñer o raposo a coidar das galiñas./-A onde irás boi que non ares./-Mexan por nos e hai que dicir que chove./-Por un lado xa ves e por outro, que queres que che diga./-Predícame crego, predícame frade, por unha orella me entra e pola outra me sae./-O que da consellos non da pan./-Cando chove e fai sol, anda o demo por Ferrol. Outro día, mais... se cadra.

Como xa vos dixen, a maioría deles non precisan explicación, que cada un os interprete e os empregue ao seu xeito. Tampouco aconsello traducilos ao castelán porque perderían a condición e a dozura do galego e mesmo a graza que lles pon a nosa fermosa fala. ¡¡Que non hai terra como a nosa!! ¡Arrogancias nunca gañaron preitos!, é un dos meus favoritos, xa cho dediquei hai tempo nun destes modestos apuntes.


Refraneiro

Te puede interesar