Tamén podería dicir vinte xoias da “lingoa proletaria do meu pobo”*. Todas elas teñen un significado ben claro, algunhas son polisémicas e mesmo polivalentes, podendo significar unha cousa e a contraria dependendo do contexto e da entoación. Moitas teñen o seu equivalente en castelán, pero sen acadar nunca a expresividade do orixinal porque as traducións carecen da dozura e do sentido do humor que lles pon a nosa fermosa fala. Penso por elo que o castelán debería adoitar moitas delas no seu léxico. Práceme relacionalas aquí porque moi a miúdo adoito empregalas nos meus apuntes. Non foi doado seleccionar estas vinte, que inicialmente ian ser tan só dez. De calquera xeito, aquí vos deixo a miña escolma.
Agarimo: Cariño, mimo, ledicia, caricia, aloumiño, tenrura.
Arroutada: Insensatez, tolería, tolemia.
Enxebre: Puro, orixinal, típico. Enxebreza e enxebrismo.
Luscofusco: Espazo de tempo entre o día e a noite, cando empeza a empardecer. Tamén lusquefusque, e bocanoite.
Orballo: Choiva miúda e pertinaz que acaba enchoupándoo todo.
Brétema: Fermosa verba, néboa, neboeiro.
Saudade: Sentimento, cun halo de misterio ás veces, mistura de tristura e ledicia moi de nós os galegos Moito máis que morriña, melancolía, ansiedade.
Xeito: Ao meu xuízo a verba máis fermosa polas súas múltiples acepcións e pola súa eufonía. Xeitosa é a que ten xeito. Es ti unha muller xeitosa?.
Luar: A luz do sol reflectida nas noites de lúa chea.
Seica: O mesmo que disque, semella que.
Miñaxoia: Meu rei, miña raíña, miña rula.
Esmorga: Carallada, brincadeira, troula.
Escarallar: Avariar algo, dende o coche ata a saúde. Escarallado, amolado.
Carallo: E as súas mil derivadas. Insuperable. Por riba do seu significado primeiro que aí está no xerais da lingua, é unha verba polivalente, comodín imprescindible no falar cotián. Son moitos os exemplos que podería engadir, entre eles práceme destacar estes dous que non sei de onde saíron: “Manda c... na Habana”, que se emprega como admiración ou dúbida e “O c... 29” que quere dicir algo que está moi lonxe ou pouco crible.
Bolboreta: Mariposa, para algún mexericas a verba máis fermosa do galego.
Trapallada: Mentira. Algo mal feito, sen xeito. Trapalleiros e mentiráns hai moitos nestes nosos tempos levados do demo maior do inferno.
Larpeiro: Lambón, comellón, papón, tripeiro. Tamén aproveitado. Larpeirada.
Espantallo: Ridículo, pouco agraciado. Fantasma.
Toxo: Ti es un toxo si tes mal xenio. Tamén borde e mal encarado
Sarabia: Choiva conxelada que cae en forma de grans. Por riba graínzo e pedrazo.
Aínda quedan moitas xoias no tinteiro, todas elas de uso cotián na nosa fala. Quizais para outra volta, se cadra.
* Celso Emilio Ferreiro, Deitado fronte o mar.