Vitei é un centro de psicoloxía de referencia ubicado na Avenida de Esteiro, dende onde brindan un servizo completo ofrecido por un nutrido grupo de especialistas en psicoloxía. Eva María Rodríguez é piscóloga xurídico-forense; David Teijido Carpente psicólogo e Máster en Neurociencia; Paloma Rodríguez Puime ocúpase da área de psicoloxía do traballo, organizacións e persoal e Francisco José Teijido é colaborador médico do centro, que ofrece unha atención multidisplinar dentro da psicoloxía.
Que servizos ofrecedes no centro Vitei de Esteiro?
A nosa actividade no centro pódese resumir coa palabra psicoeducación, ou o que é o mesmo, ensinar psicoloxía á xente. O noso obxectivo é o de achegar ás persoas os coñecementos e as ferramentas que nos ofrece a psicoloxía e que son importantes para
coidar de maneira correcta a nosa saúde mental. Isto tradúcese en talleres psicoeducativos como, por exemplo, técnicas de relaxación para a xestión do estrés e a ansiedade. Tamén ofrecemos apoio psicolóxico en situacións de inadaptación, técnicas de estudo baseadas na aprendizaxe significativa, planificación de obxectivos, organización do tempo, etc. Ademais disto, realizamos programas e charlas divulgativas para asociacións e centros educativos e outras actividades relacionadas co campo da saúde mental.
¿Estades constatando un incremento de problemas psicolóxicos trala pandemia da covid?
Si. Unha das consecuencias da pandemia, do confinamento e todo o relacionado coa situación de emerxencia sanitaria ten que ver coa saúde mental das persoas, e o problema é que este desgaste psicolóxico pode ser moi silencioso. Hai xente que está sentindo aínda agora as consecuencias do confinamento de 2020 e tenden a manifestarse en forma de ansiedade, preocupación excesiva e inadaptacións polo cambio no estilo de vida, en xeral. Dunha maneira ou doutra todos sufrimos cambios fundamentais na nosa forma de vivir, e adaptármonos a estes cambios non sempre é doado.
Cree que a sociedade presta suficiente atención aos problemas psicolóxicos?
En xeral, non. Si é certo que cada vez estase prestando máis atención á importancia de coidar a nosa mente, afortunadamente, pero todavía existe unha crenza moi arraigada na nosa forma de pensar como sociedade pola que atribuimos os problemas psicolóxicos á debilidade persoal ou á loucura. Isto, unido á pouca educación en saúde mental provoca que moitas veces a xente trate de lidiar pola súa conta con estes problemas sen contar cos coñecementos e as ferramentas necesarias para facelo. Imaxinade tratar de arranxar pola túa conta o motor dun coche por vergonza de ter que levalo ó mecánico e sen ter nin coñecementos básicos do seu funcionamento nin ferramentas adecuadas. Non tería sentido.
“Debemos saber que estamos nun momento crucial da historia para coidar da nosa saúde mental”
Entón, seguen estigmatizadas as enfermidades de índole mental?
Segue moi presente ese estigma social en relación aos problemas de saúde mental. En moitas ocasións, acudir a un/unha profesional da psicoloxía ou levar a un fillo ou filla, por exemplo, percíbese como unha situación persoal vergoñenta e privada. Esta vergoña é ocasionada pola idea de que esa persoa verase como que está tola ou é demasiado débil para lidiar ela soa cos seus problemas. Hai que poñer énfase neste tema xa que é tremendamente importante. O suicidio segue a ser a primeira causa de morte non natural e unha das principais causas de morte en xeral en España. No ano 2020, segundo datos do INE, o número de suicidios no noso país chegou ó seu record histórico. Isto relaciónase co aumento dos factores de risco derivados da pandemia. Debemos saber que estamos nun momento crucial da nosa historia para coidar a saúde mental.
Pensa que a pandemia tamén incrementou os problemas de maltrato no fogar?
Sí, a pandemia afectou negativamente ás mulleres. Non só reforzou as desigualdades que existen na sociedade entre o home e a muller senón que tamén está incrementando o nivel da violencia contra a muller. Sempre contamos con datos de violencia de xénero realmente preocupantes, basta botar un ollo á derradeira macroenquisa do goberno, e obviamente una crise humanitaria deste nivel, por desgracia, está repercutindo en gran medida no benestar das mulleres.
Constatades este feito no voso centro?
Podemos observar a realidade das mulleres e desta violencia de forma moi sinxela. Basta botar un ollo ó noso día a día e á información nos medios de comunicación. E aquí hai que ter en conta que esta violencia non sempre se denuncia. Tamén as profesionais do campo notamos este incremento, en VITEI tivemos un ascenso de chamadas en relación a esta problemática. Por iso dende o departamento de intervención social e xurídico-forense do centro, traballamos activamente neste eido levando a cabo diferentes proxectos de prevención e intervención en igualdade e violencia de xénero. O obxectivo destes programas é aportar para conseguir unha igualdade real e a erradicación da violencia contra a muller.