Para Carlos Núñez, tocar en Ferrol no Nadal é case unha tradición. Son xa varios os anos que o recoñecido gaiteiro vigués inclúe á cidade naval na xira coa que despide o ano. Desta volta, a cita será mañá domingo, ás 20.00 horas, no Jofre. E será especial. Porque o músico, de sona internacional, está a celebrar o 25 aniversario de “A Irmandade das Estrelas”, o seu primeiro disco en solitario.
The Chieftains, Ry Cooder, Luz Casal ou Dulce Pontes foron entón algunhas das voces que arrouparon o traballo coas súas colaboracións. Agora, un cuarto de século despois, arrodéase na reedición do disco de músicos emerxentes en todos os estilos para reivindicar a filosofía e o legado daquel álbum.
“Creo que hai toda unha nova xeración de artistas e creadores que están a seguir esa estela, a de aportar á música tradicional e inspirarse dela desde calquera tipo de música e estilo”. Precisamente por iso, di, convidou a participar a artistas como Andrés Suárez, Rozalén, Iván Ferreiro e Tanxugueiras ou mesmo os colaboradores galegos de C. Tangana, tres rapaces de Vigo cos que “exploramos as conexións da muiñeira e do trap”.
O cantautor ferrolán Andrés Suárez foi unha das primeiras persoas ás que chamou para o disco, no que colabora en dous temas. “Con el gravei unha canción renacentista, unha das poucas que hai en galego, que se chama ‘Falai, miña amor’; e logo outra, moi especial para min, como Cantiga número catro de Martín Códax, trovador medieval de Vigo”, salienta.
Para Núñez, o maior tesouro acadado nestes 25 anos foi “esa idea de irmandade, esa capacidade para unir xentes de diferentes lugares, estilos e sensibilidades, esa irmandade que é algo tan galego, algo que levamos nós dentro. Penso que tamén é un pouco ese espírito de lareira, onde todos son benvidos e onde se produce unha transferencia interxeneracional. Penso que ese é o noso maior tesouro, esa comunicación interxeneracional que agora está tan en perigo. Creo que precisamente a música tradicional serve para conectarnos a todos”, apunta o músico vigués.
Agora, que vén de cumprir cincuenta anos, apetécelle moito conectar cos máis mozos e “aprender moito deles, porque teñen novas visións, sobre todo desde as músicas urbanas, a electrónica... Penso que é outro xeito novo de traballar as esencias milenarias tan auténticas que temos vivas en Galicia. E neste sentido estou moi contento porque penso que neste novo disco hai cousas realmente interesantes gracias a este traballo en equipo, non só de artistas diferentes, senón de xeracións diferentes”.
As entradas para o concerto de mañá no Jofre poden adquirirse desde 21 euros.