O calendario de propostas para o Nadal en Moeche comezou onte co seu xa tradicional Mercado de Nadal, adoibado de grandes produtos a moi bos prezos. A cita contou con postos de alimentación, artesanía e agasallos, aos que o Concello lles engadiu unha programación de actividades paralelas que se desenvolveron tanto pola mañá como pola tarde. Houbo sorteo de agasallos, obradoiros para grandes e cativos e mesmo un espectáculos de maxia e danza que completou a oferta de lecer da xornada.
Onte, tendo en conta que era unha cita especial houbo algún posto novo, foi o caso das chacinas e embutidos de Navia de Suarna ou das elaboracións de chocolate de Bombóns Moreno, que puxeron á venda entrantes da matanza e exquisitas sobremesas para ilustrar os menús do Nadal. Ademais de encher a cesta da compra, os que o quixeron puideron aproveitar para facerse con eses detalles que axudan a vestir a casa para o Nadal ou aqueles cos que agasallar a familiares e amizades, podendo escoller entre flor, coiro, artesanía, madeira, cerámica, decoración, libros, etc.
Así mesmo, con cada transacción se entregaron boletos para participar no sorteo dunha cesta infantil e dous lotes de produtos e vales de compra para o comercio local. O sorteo tivo lugar ao remate do mercado, a iso das 19:00h, tras unha intensa xornada cargadiña de actividades xa desde o momento da apertura, na que non faltaron as exposicións, entre elas unha de cestaría e artesanía en madeira da Asociación veciñal Val de Moeche, na que tomaron parte tamén membros da Asociación de Amigos da Madeira das Pontes para mostrar unha escolma do seu traballo e explicar ao vivo o proceso de torneado. Tamén se montou un posto de encaixes de bolillos de Rosa Méndez, no que foi posible seguir o minucioso labor do palillado.
Alén destas mostras, o contido paralelo do mercado estivo dirixido principalmente á rapazada con numerosas propostas como un obradoiro matinal de bombóns e chocolates no posto de Chocolates Moreno, ás 12:30h arrancou o circuíto de educación viaria e pola tarde se programou unha actividade de creación artística. As propostas para público infantil e familiar completáronse coa exhibición de hip-hop e baile moderno das escolas de danza estética da Asociación Cultural Brío, e un espectáculo Maxia do mago Charlangas.
Os que así o quixeron tamén puideron entregar as súas cartas para os Magos de Oriente pois durante toda a xornada un paxe real recolleu as cartas dos nenos. Así mesmo, a ANPA do CEIP San Ramón tamén dispuxo dun espazo para vender xoguetes e libros en bo estado doados pola veciñanza de cara a financiar a festa de Reis que se desenvolverá no recinto o domingo 2 de xaneiro.