25 Aniversario | Feitos históricos

"Foi tan fermoso ir construíndo o xornal, entrevistando a cada un dos profesionais que o fundamos, construíndo a gran familia que chegamos a ser...”
25 Aniversario | Feitos históricos

Lembro perfectamente o día no que Juan Ramón Díaz, o xornalista que dirixira durante máis de vinte anos un diario ao que converteu no máis importante de Galicia, chamou para preguntarme, coa retranca que o caracterizaba: “Cantos anos me dixeches que levaba Ferrol sen una cabeceira propia?”. Ese foi o inicio dun ilusionante proxecto chamado DIARIO DE FERROL. Polo medio, moitas idas e voltas porque o que en realidade tiña en mente Juan Ramón, nese momento xa á fronte do Grupo La Capital, era montar unhas delegacións de El Ideal Gallego en diferentes cidades, disfrazadas de cabeceiras locais. 

 

Algo no que eu non cría, xa que sería unha versión B do que el construíra no xornal que viña de dirixir. A miña contraproposta era montar unha cabeceira propia de verdade, con equipo xornalístico, administrativo, comercial e de reparto independente, o que significaba pasar da plantilla de doce persoas proposta por el á de cincuenta proposta por min. 


Tardou seis meses en chamarme de novo tras o non rotundo á miña proposta. Contestáralle que eu non era a persoa, que eu tiña que crer de verdade nun proxecto para poder levalo adiante. Tras descolgar o teléfono, a súa voz fonda e pausada: “Fai números e dime cal sería o investimento e cantos anos para amortizalo”. Preparei un plan de negocio a cinco anos. Como bo feirante que era, baixoume o capital a arriscar e me dixo que se o conseguía amortizar no prazo proposto, que o levara adiante. 


A estas alturas da miña vida son moi consciente do temeraria que son, pero os retos me apaixonan e cando namoro, non vexo atrancos. Foi tan fermoso ir construíndo este xornal, entrevistando a cada un dos profesionais que o fundamos, construíndo a gran familia que chegamos a ser onde todos eramos imprescindibles e tiñamos o mesmo compromiso, que pagaron a pena sen a menor dúbida os milleiros de horas investidas!


Éramos moi conscientes das dificultades, cunha competencia durísima e disposta a que non chegaramos a nacer. Pero tras poñer na rúa un mini equipo de comerciais para dar a coñecer o novo -e inexistente- diario e velas chegar cada día cun feixe de contratos, asinados e coas contas bancarias incluídas -sumando máis de trescentas subscricións anuais antes de publicarse o número cero- confirmounos o necesario que era. 


O nacemento dun novo xornal é realmente un feito histórico. Naquel momento, confeso que non fun consciente. Era tanto e tan intenso o traballo que non tiña tempo para reflexionar, só para camiñar cara adiante, coidar que todo o equipo funcionase como un engrenaxe perfecto. E así funcionou grazas á calidade profesional e humana de todos e cada un deles e delas. Grandes persoas que conservo na miña memoria para sempre. Como non teño espazo para nomealas a todas, nomearei a unha que as representa: Cristina Rodríguez Calvo, hoxe, moi merecidamente, directora desde xornal. Por fin unha muller á fronte, novamente un feito histórico!


Estou segura de que Cristina liderará ao seu equipo cunha nova forma de traballar ilusionante e seria, á altura dos ferroláns e ferrolás que confiaron en nós moito antes de nacer. A polo cincuenta aniversario, querid@s compañeir@s!! 

 

Chelo Loureiro é cineasta e foi a primeira xerente de Diario de Ferrol

25 Aniversario | Feitos históricos
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar