Luís Pimentel dicía que a poesía era o gran milagre do mundo. E coido que tiña razón, porque un mundo sen a fermosura das palabras, sen a ponte das verbas que nos une e nos explica e nos move e nos conmove, que sentido tería?
Por iso estes vinte e cinco anos do Diario de Ferrol son para min un pequeno milagre. Unha epifanía que comecei a enxergar da man de xornalistas admirables que hoxe son amigos de vello. É o caso de Man Castro, o director fundador do periódico. Tamén dos primeiros responsables do referencial suplemento Nordesía, Nico Vidal e Xosé Fandiño. Cos tres, e na memoria do común e chorado amigo Juan Ramón Díaz, daquela director do Grupo La Capital, comecei a andaina como colaborador nesta cabeceira que agora alcanza o seu primeiro cuarto de século.
E o pequeno gran milagre foi agromando e tiven a fortuna de formar parte del a carón dos amentados e doutros xornalistas da casa que os sucederon. Pero, sobre todo, gocei do privilexio de ver a miña sinatura estas dúas décadas e media a carón de colegas aos que ben estimo. Como sería longo citalos a todos, váiseme permitir que amente tan só un co que comparto a honra de ter vivido esta aventura dende os inicios: o meu amigo e mestre Luís Alonso Girgado, ferrolán de pro, do que tanto levo aprendido e tanta luz achega cos seus textos ao xornal.
Se boto a vista atrás, podo lembrar nidiamente estes cinco lustros de colaboracións. De primeiras, máis ocasionais, sen data fixa. Logo, a partir de abril de 2010, con periodicidade semanal, sen fallar nin un só domingo, fidel decote á cita co lectorado que quixo coñecer por man deste afanoso crítico as novidades literarias galegas da nosa historia recente.
O balance da singradura non pode ser máis feliz. Levo escrito preto dun milleiro de textos para o Diario de Ferrol. E quero pensar que ese feito me proporciona a perspectiva suficiente para afirmar, alto e claro, que as páxinas deste medio se teñen convertido en indispensables para a cidadanía ferrolterrá e non só e, no que di do artístico en xeral e do literario en particular, o periódico ten gañado, por dereito propio, un lugar de honra no circuíto cultural galego.
O primeiro artigo que publiquei no Diario de Ferrol versou sobre “Álvaro Cunqueiro e Ferrol”. Permítaseme agora que volva á orixe e que, na complicidade codiocesana que como mindoniense me une ás e aos ferrolteráns, exprese o meu desexo aquí de que, tras estes primeiros vinte e cinco anos, veñan para o xornal moitas outras floridas e luminosas primaveras.
Armando Requeixo é investigador, profesor e crítico literario, ademais de colaborar no Nordesía