A chegada á Alcaldía de Xaime Bello, único rexedor do BNG en Ferrol, cumpre 25 anos

O pasado 3 de xullo cumpriuse un cuarto de século da toma de posesión do único alcalde nacionalista que tivo Ferrol, quen capitaneou unha lexislatura con oito edis aos que se sumaron os cinco do PSOE para obter a maioría, executando un dos grandes fitos democráticos na cidade: a retirada da estatua do dictador Franco
A chegada á Alcaldía de Xaime Bello, único rexedor do BNG en Ferrol, cumpre 25 anos
Xaime Bello hai 25 anos no Palacio Municipal co Diario e este sábado recreando a fotografía no mesmo lugar | AEC / D. ALEXANDRE

Na portada de Diario de Ferrol do 4 de xullo de 1999 asomaba Xaime Bello recibindo de mans de Juan Blanco Rouco o bastón de mando de Ferrol e destacando o titular que prometera "un Concello aberto ao diálogo sen excluír o pacto de goberno". O día anterior, o que foi polo de agora o único alcalde do BNG na cidade, chegaba oficialmente á Alcaldía logo de obter oito edís, un menos que o PP, ao que a suma cos tres de IF non lle daba para reeditar o bipartito da lexislatura anterior. Namentres, o PSOE liderado por Bonifacio Borreiros apoiaba ao Bloque cos seus cinco votos, pero aínda tardarían días en acceder ao cogoberno.

 

Para conmemorar estes 25 anos da Alcaldía de Bello, o protagonista da efeméride acepta a proposta de viaxar no tempo desde estas páxinas, mesmo recreando a fotografía na entrada ao concello que ilustrou a súa primeira entrevista como rexedor neste periódico. Lembrado no persoal coma un home disposto a tender pontes e a buscar o diálogo tamén con aqueles sectores máis alonxados da súa ideoloxía política, pasou á historia por un feito que puxo a Ferrol cinco anos por diante da Lei de Memoria Histórica: a retirada da estatua ecuestre do ditador Franco da praza de España.

 

Malia todo, Xaime Bello reivindica moitos outros proxectos que se executaron no mandato 1999-2003, lembrando que "éramos a última corporación do século XX e tivemos que facer fronte aos retos do século XXI nunha cidade que estaba moi atrasada en infraestruturas e comunicacións con respecto a outras, sufrindo ademais unha caída demográfica terrorífica". Tocoulles, pois, brear para "saír do illamento" e para modernizar o consistorio cos avances informáticos. Porén, recoñece que o calendario xogou en contra: "En Ferrol a unidade de tempo non son os anos, é a década, ese é o grande problema desde o punto de vista político".

 

Do sindicalismo ao municipalismo

 

Xaime Bello chegou á política desde o sindicalismo, empezando a súa militancia a mediados dos 70 xunto a outros profesores para "incorporar o galego ao ensino nunha época onde mesmo houbo represión, xente que foi castigada, depurada por utilizar o idioma nas aulas". Entrou na Unión de Traballadores do Ensino de Galicia e de aí á Asemblea Nacional Popular Galega, un dos xermolos dos que agromou o Bloque Nacionalista Galego nos primeiros oitenta. No municipalismo aterrou en 1983, primeira vez que encabezou unha lista ás municipais de Ferrol.

 

"A min dábame vergoña", confesa recordando ao Xaime tímido que era daquela, afondando en que non sacaron representación nin ese ano nin tampouco no 87, aínda que "estivemos a piques" esa segunda vez. Ao fin, en 1991 entraron María Luisa Sabio e el no que cualifica como "un salto cualitativo porque o BNG entraba por primeira vez en Ferrol, onde había forzas hexemónicas". Comezaron entón a "patear, falar con entidades" e para o 1995 xa sumaron un concelleiro máis: Xosé Lastra. "É moi importante vir vareado da vida, tes que entrar no Concello currando e arando, facendo todos os traballos", valora.

 

Chegou 1999 con ese "salto espectacular" que explican varios factores, como o auxe do nacionalismo con alcaldías en Pontevedra e Vigo, e tamén con Camilo Nogueira como eurodeputado. "Foi un avance que non responde á sorte, senón ao sacrificio e o moito traballo que se fixo, e a empatizar coa xente. Na vida municipal sempre intentei aplicar a regra dos tres ces: convivir, na organización e nas institucións; convencer, porque se non tes argumentos non tes nada, e construír, porque é moi fácil destruír e criticar. E iso me foi funcionando", sostén.

 

Na procura da unanimidade

 

E cales foron os proxectos dos que Xaime Bello sacou peito? "A vida política da moi poucas satisfaccións e moitas insatisfaccións se ti vas a un cargo público coa idea de servir aos teus veciños. Moitas veces es incapaz pola lentitude da vida municipal que te desespera, os procedementos son lentos", admite, confesando que se tivera que elixir unha cousa "que funcionou estupendo" sería a Xunta de Voceiros: "Eu quería que se involucrara, que se implicara aínda que había moitas diferenzas políticas, algunhas insalvables desde o punto de vista ideolóxico, e teño que dicir que houbo un cogoberno coa oposición e aí teño unha certa satisfacción ao chegar algunhas veces á unanimidade", recoñece.

 

Ese talante na procura de consensos e aplicando esa filosofía das tres ces fixo de Bello un alcalde ao que tiveron en conta os tres executivos do Partido Popular que gobernaban en Madrid, Galicia e a Deputación da Coruña, acadando acordos como o convenio co Instituto Galego de Vivenda e Solo por 21 millóns de euros para A Madalena e Ferrol Velllo, a adquisición do castelo de San Felipe á Xerencia de Infraestruturas de Defensa, o acordo co Ministerio de Fomento para rehabilitar o teatro Jofre ou coas consellerías de Cultura e Educación para acabar o Torrente Ballester e construír o Conservatorio Profesional de Música e a Escola de Idiomas.

 

Aprobouse por unanimidade a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, "que é fundamental porque é a proxección do concello para décadas futuras", pero tamén impulsaran no seu mandato os ARI para Ferrol Vello e A Madalena, o selado e rexeneración do vertedoiro de Mougá, incorporaron novo persoal laboral municipal, fixeron os primeiros trámites para que o Arsenal e as fortalezas da ría se convertesen en Patrimonio da Humanidade, crearon unha concellería da Muller, constituíron o Consello Municipal da Lingua e aprobaron o Plan de Normalización Lingüística.

 

A praza 'eterna'

 

Porén, para os e as que seguen coa teima ferrolá do 'bonita que era antes' a praza de España, semella que o único que fixo Bello no seu mandato foi o estacionamento proxectado no subsolo para 625 prazas que supuxo o traslado da estatua do ditador. "Chegamos a aprobar tamén o deseño e o proxecto final, pero o que se executou non é noso, non ten nada que ver co que estaba previsto", aclara o ex alcalde, lembrando que levaban a proposta do aparcadoiro xa no programa electoral e cando se puxo enriba da mesa suscitou a unanimidade de novo na Corporación.

 

"Logo houbo diferencias e non chegamos a tempo de executalo nós porque o PSOE quixo paralo para agardar polos fondos europeos", precisa, defendendo que ter a Franco nun espazo público "era un anacronismo" e que mesmo Fraga, daquela presidente da Xunta, fixera unhas declaracións nas que "chegou a dicir que ao mellor xa chegara o tempo de facelo... O que pasa é que había moita xente nostálxica e hooligan... Fixéronse concentracións domingueiras e podería escribir un libro ou facer unha película de todo o que pasou", ri.

 

Reiterando que sempre obtivo o visto bo de Defensa e Bazán, recoñece que "foi moi polémico e se aproveitou politicamente, a través de medios de comunicación e determinados sectores. Ves o que está a pasar agora na política cos bulos e creo que fomos pioneiros en recibir todo tipo de noticias falsas, empezando porque ían caer as casas do perímetro da praza". Ese mesmo día hai 22 anos, Xaime Bello estivera en Madrid pola mañá e asistiu despois a retirada do caudillo na noite do 4 ao 5 de xullo de 2002, un traslado que se fixo con nocturnidade "porque desde o estaleiro quixeron facelo así e tiña que entrar por esa porta porque polo Arsenal non cabía".

 

"Esa foi unha noite de democracia, con xente que levaba anos esperando ese momento... Eu recibín cartas de xente que estaba fóra de Ferrol e se alegraba polo seu pai, pola súa nai... Que había outros contrarios, claro que si; pero non houbo incidentes e foi noticia internacional", valora Bello, lembrando con retranca tamén a "unhas señoras que vivían alí na praza e me fixeron a onda toda a noite".

A chegada á Alcaldía de Xaime Bello, único rexedor do BNG en Ferrol, cumpre 25 anos
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar