Remexer na hemeroteca de 1999 non serve unicamente para facer unha viaxe no tempo que amosa o que fomos e o moito que mudaron as comarcas nestes 25 anos; tamén é útil para constatar o pulo imprescindible das administracións nesa evolución. A Deputación da Coruña foi peza fundamental do progreso dos 20 concellos, de xeito especial dos máis pequenos, que acadaron servizos básicos e infraestruturas grazas a estes investimentos. Así mesmo, o emprego, o benestar social, a cultura, o deporte e o turismo na bisbarra están en débeda co ente provincial.
A aposta da promoción turística pasa por adiantarse ás tendencias internacionais para presentar os territorios como o destino único e máxico que é; porén, o reto non pasa unicamente por seren atractivos para os visitantes, senón por facelo co obxectivo principal de “mellorar a vida e as oportunidades da xente”, defende Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable das áreas de Turismo, Artesanía, Comercio e Cadea Agroalimentaria. Para el, o éxito neste eido reside no equilibro e a sustentabilidade, evitando a masificación para preservar a esencia dunhas comarcas das que, confesa, quedou “namorado”.
A evolución das comarcas sería ben distinta sen as achegas da Deputación?
Gústanos dicir, e os datos corroboran que, de faltar nalgún momento o impulso da Deputación, que vén a mellorar as paupérrimas arcas municipais, o presente sería bastante diferente. Os concellos terían que descartar boa parte dos servizos municipais que prestan por incapacidade económica para mantelos. Superamos as diferencias políticas como Administración porque sempre estamos pendentes de todos os municipios independentemente da cor política. Sentímonos orgullosos de que boa parte do peso do sistema de benestar cae agora mesmo no ámbito provincial, somos unha referencia para toda Galicia e boa parte do Estado, permitindo con este compromiso manter servizos esenciais.
Máis de 19 millóns de euros están destinados este ano aos 20 concellos das comarcas no marco do Plan Único, que tipo de proxectos financia?
A previsión é rematar o ano cun investimento en torno aos 100 millóns de euros en toda a provincia para dar fondos a todo tipo de proxectos de competencia municipal. A virtude desde Plan que, para nós, é unha auténtica revolución a hora de entender o financiamento municipal, é que tratamos ás administracións locais como maiores de idade. É dicir, moitas veces hai certo paternalismo das administracións superiores cando son os concellos os que están máis preto dos problemas da xente. Permitímoslles decidir a tipoloxía de investimentos e os eidos son moitos: desde o servizo de axuda no fogar ata a recollida de lixo, pasando polo alumeado público, a mellora de estradas, saneamento... Ademais, comprendemos as dificultades para facer procedementos de contratación e permitimos certa flexibilidade de demora para darlles marxe nos prazos administrativos.
Medio centenar de persoas entraron na bisbarra no mercado laboral este ano grazas tamén ao Plan de Emprego, outra ferramenta da que sentirse orgullosos?
Tiñamos o reto de mellorar as oportunidades laborais e, teño que dicir, que nisto boa parte da culpa a ten o presidente, Valentín González Formoso, que para el sempre foi unha prioridade desde a irrupción da pandemia e as súas consecuencias económicas. Fixemos un esforzo, que a min gústame recordar que a Deputación ten en torno a 200 millóns de euros de orzamento, menos que, por exemplo, o Concello da Coruña. Aínda así, este instrumento anima ás empresas e xera oportunidades de traballo que se suman a outras liñas que inciden sobre a contratación, como pode ser integración de técnicos municipais ou turísticos.
Falando precisamente de turismo, que é unha das áreas que dependen directamente de vostede, a promoción turística abrangue moitos eidos, pero tamén eventos concretos como o Pantín Classic, a Semana Santa, As Meninas ou o Festival de Ortigueira...
Ferrolterra é a xoia que aínda está por despuntar definitivamente no escenario turístico galego. É unha auténtica marabilla e confeso que estou namorado dela. Ten eventos moi atractivos e importantes, pero tamén moito patrimonio, tanto natural como arquitectónico. Concedéronnos un dos proxectos de Sustentabilidade Turística en Destino no marco dos Fondos Next Generation para recuperar tres baterías de costa en Ferrol, Valdoviño e Ares, outro atractivo máis para estruturar un sector económico moi importante que pode deixar grandes oportunidades se facemos as cousas ben.
Cales son eses ámbitos diferenciais?
Temos que ser capaces de albiscar o que se está cocendo no menú turístico internacional debido ao cambio climático, á mobilidade... Sen esquecer que o obxectivo non é que os turistas o pasen ben aquí, que tamén, senón mellorar as oportunidades da poboación dese territorio, que o turismo sexa un axente dinamizador; pero sen masificar o territorio e xerando novos nichos de emprego, poñendo por diante a sustentabilidade.
O recoñecemento da UNESCO ao Xeoparque Cabo Ortegal é sen dúbida un dos fitos máis importantes dos que informamos desde Diario de Ferrol nestes 25 anos...
Se me preguntas de que me sinto orgulloso de todo o que levamos feito diría o Xeoparque por darme a oportunidade de coñecer mellor este territorio, que foi unha descuberta, pero tamén por traballar con diferentes corporacións, de cores distintas, cun obxectivo común. Foi un ‘gustazo’ e unha lección democrática. O Xeoparque é unha oportunidade única para concellos pequenos e a xente que vén queda cativada pola paisaxe e a esencia do lugar. Así que si, é unha das grandes novas, da cal foi dando conta o Diario día a día. Os grandes proxectos fanse colectivamente entre a sociedade, as administracións e a prensa tamén.