As XIX Xornadas Museísticas da Capela terán lugar nesta tarde de sábado, a partir das 16.00 horas, coa presentación do número 18 da revista “O retorno”. Durante o encontro, desenvolveranse distintos relatorios sobre os traballos galardoados no XVII Premio de Investigación Ferro Caaveiro, unha proxección e unha sesión de regueifas para clausurar esta edición.
O Museo Etnográfico organiza esta cita na Casa da Cultura das Neves, para visibilizar labores como os de documentación e investigación a través da edición de “O retorno”, que inclúe as pezas seleccionadas no premio que convocan en febreiro. A primeira posición no podio foi para Marcos Abalde Covelo, por “Indicios e evidencias dun ilustre negreiro: Ramón Plá, marqués de Amboage”, que presentará unha perspectiva pouco habitual desta renomeada figura ferrolá ás 17.45 horas.
O segundo posto foi para María Caridad Fernández, que ao enviar o seu traballo “O doutor Fidel Castro Ruz e Hijos del Ayuntamiento de Capela na Habana” dende Cuba, non pode acudir ao evento. Trátase dun texto que rexistra como o líder cubano foi secretario da asociación local, segundo declarou Secundino García, responsable do museo. “Bendicións, mal de ollo, crenzas” é o título entregado por Alejandro Castro Márquez, que obtivo o terceiro galardón, e que dará a coñecer ás 16.45 horas.
Ademais, en colaboración con Euroeume, a organización propón o premio Enraizadas, que trata de fomentar a investigación e rexistro escrito sobre a contribución histórica das mulleres ao patrimonio da comarca. Os gañadores deste ano son Margarita Salgado e Secundino García Mera, por “Os derradeiros pés capeláns nas premedeiras”, que protagoniza o caso dunha tecelá, e sobre o que se conversará ás 16.15.
Ás 17.15 horas dará comezo a proxección sobre a última escena da ruta teatralizada que realiza en setembro o Museo Etnográfico da Capela. En “Tal Como Eramos. 1948” realizouse unha recreación histórico-artística destes anos, coa participación de arredor de 40 actores veciños e no que adoitan completar o aforo de 300 persoas, que se reparten en grupos. Mentres que outras edicións pecharon con actividades como música ou teatro, a proposta lúdica deste ano virá da man dos regueifeiros Suso e Antonio de Xornes, que realizarán a súa actuación ás 18.30 horas.