Cedeira vén de rematar as obras de mellora e integración paisaxística dos xardíns do Palacete, o edificio que alberga a oficina de turismo e a exposición permanente da Colección Rafael Usero.
O Concello investiu preto de 45.000 euros nestes traballos, financiados polo Fondo de Compensación Ambiental, cos que “se configurou un renovado e agradable espazo público con novo céspede, arbustos e árbores”. A intervención tamén supuxo a instalación dun sistema de rego e a colocación dunha malla antiherbas e corteza de pino, así como a colocación de tepe en parte dos xardíns e un bordillo de adoquín de cemento para separar o linde entre macizos e céspede. Ademais, conserváronse aquelas árbores que estaban en bo estado.
O rexedor, Pablo Moreda, destacou que esta actuación supón abrir un novo espazo para que a cidadanía, e tamén os visitantes que acoden ao Palacete na procura de información, gocen dunha zona “tranquila e
coidada”.
Noutra orde de cousas, Cedeira acolleu esta semana a primeira mesa de traballo do proxecto “Coidamos Cedeira”, un programa de impulso á investigación medioambiental enfocado ao ámbito universitario impulsado polo Concello coa financiación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura –a través do GALP A Mariña-Ortegal–.
A iniciativa céntrase na conservación dos recursos, así como na mellora da calidade ambiental da zona costeira, a través dunha serie de accións que se levarán a cabo ata o ano 2026.