O festival de artes escénicas “Dende a nada” ofrece cinco talleres creativos

Estas citas estarán a cargo de mestres de prestixio como Jamie Bradley, Esther Latorre ou Simone Jenkinson
O festival de artes escénicas “Dende a nada” ofrece cinco talleres creativos
Colectivo Glovo participou o ano pasado no Mosaico Danza Interplay na cidade italiana de Turín | CEDIDA

A primeira edición do festival internacional de artes escénicas “Dende a nada”, que se celebrará en Cedeira entre o 18 e o 27 de outubro, incluirá formacións sobre temas como a construción dun espectáculo ou a expresión corporal, entre outros. Os interesados xa poden inscribirse nestas sesións, que se ofertan a prezos populares, de 4 a 12 euros.


Os obradoiros comezarán unha vez inaugurado o evento, o sábado 19 e o domingo 20 de outubro. Esta primeira proposta, que se desenvolverá no auditorio, entre as 10.30 e a 13.30 horas, virá da man do director, actor e escritor inglés Jamie Bradley. Este profesional ocuparase do curso “Creación dun espectáculo a través de experiencias persoais”, no que achegará elementos e métodos para crear pezas teatrais visuais. O mestre tratará de transmitir as técnicas narrativas que foi desenvolvendo ao longo da súa carreira, cun custe de inscrición de 12 euros.


A bailarina lucense Esther Latorre será a responsable do segundo taller, nomeado “Corpo habitado”. Trátase da formación máis asequible en termos económicos, xa que se ofrece a 4 euros, e terá lugar o xoves 23 no auditorio, de 17.00 a 19.00. O contido focalizará nos movementos básicos de iniciación á danza contemporánea, sen necesidade de ningún coñecemento previo.


Simone Jenkinson, artista inglesa afincada en Cedeira e unha das directoras do festival xunto a Joseph Traynor e Quique Vázquez, dará continuidade á iniciativa con “O proceso creativo”. Esta formación, que se realizará o sábado 26 e o domingo 27 a un prezo de 12 euros, de 17.00 a 20.00 horas, tamén no auditorio, traballarase a estrutura narrativa mediante a exploración de historias universais contrastadas con relatos máis íntimos.


Nas mesmas datas e polo mesmo importe ofrecerase antes outro obradoiro, “O corpo creativo”, en turno matutino. Os responsables serán Guillermina Brandauer, de Bos Aires, e Francesc Torrent Gironella, de Barcelona. De 10.30 a 13.00, os artistas abordarán estratexias útiles para o traballo, como a capacidade de escoita e reacción, así como o fluxo de movemento.


“Máscaras balinesas” é o título da dobre sesión que conducirá Juan Martín Ortiz, que tamén vén dende Bos Aires, para explicar como estes accesorios faciais  se converten en ferramentas teatrais e expresivas. As persoas interesadas en participar en calquera dos cinco obradoiros, poden formalizar a súa inscrición enviando un correo electrónico a enrique.vazquez@cedeira.gal ou chamando ao teléfono 649 876 614. 

 

Tres espectáculos e cinco encontros con profesionais

O programa inclúe, ademais da oferta formativa, varias propostas escénicas. Os días 18, 23 e 27 representaranse no auditorio municipal os espectáculos “Perder a lingua”, da compañía Eva Comesaña; “Alleo”, de Colectivo Glovo, e “Outrora Nós”, de Mevadeus. Así mesmo, o cartel do evento complétase con cinco “Encontros” con profesionais do sector, que se desenvolverán os días 19, 20, 24, 25 e 27. Nestas sesións abordaranse temas como a creación e a produción dun espectáculo ou as posibilidades de transformación social por medio das artes escénicas.

O festival de artes escénicas “Dende a nada” ofrece cinco talleres creativos

Te puede interesar