A Asociación Galega de Familias Acolledoras, Acougo, celebra hoxe o Día Internacional da Infancia dando a coñecer a súa realidade e o dereito dos nenos e nenas a medrar nun fogar en diversos colexios.
Un deles será o CEIP A Gándara, en Narón. Alí, ás once da mañá, e coa presenza da concelleira de Participación e Cooperación no Ensino, Olga Ameneiro, lerase un manifesto.
En torno a esta data, e para concienciar sobre a situación dos nenos e nenas que residen en centros de acollemento, celébrase a nivel nacional o Día do Pixama. Nel ínstase a todo o alumnado a acodir á escola coa roupa de durmir, como forma de visibilizar o dereito a medrar nun entorno protexido.