A concelleira en funcións de Ensino, Mercedes Taibo, visitou onte a froitaría Claudia, no Centro Comercial Narón, para participar nunha das iniciativas do proxecto Xera impulsado polo Equipo de Normalización Lingüística. A través desta iniciativa, o alumnado de 4º da ESO do IES As Telleira desenvolveu durante o curso a proposta “Froitas e verduras en galego”, cuxos resultados saíron á luz onte pola tarde co deseño que realizaron e que se repartiu entre este tipo de establecementos en diferentes formatos.
Carmen Gálvez, Claudia Rego, Uxía López, Ayelén Rodríguez, Marcos Vidal, Bianca Mouriz, Blanca Vidal, María Teresa Pacheco, Raúl Villares e Alba Vieito foron os escolares que desenvolveron esta proposta, xunto co apoio das docentes Verónica Hermida e Estefanía Mosquera.
Así pois, os carteis estarán colgados –ademais de na froitaría Claudia– nos locais de Pan de Fruta, Frupan, A Tenda de Chelo, Améndoa, Alvariño, Tenreiro e o Covirán do Alto do Castiñeiro.
Desde o Concello lembran ao resto de establecementos que venden este tipo de produtos que teñen á súa disposición na oficina do Equipo de Normalización Lingüística –no quinto andar da casa consistorial– estes carteis deseñados polos escolareas, así como xogos de cartas, para que podan tamén difundilo tamén entre a súa clientela.
“O obxectivo desta proposta é incrementar a presenza do galego nas froitarías de Narón”, afirmou Taibo, co fin de que a cidadanía “se anime a mercalas utilizando a nosa lingua”, engadiu.
O proxecto Xera busca aproveitar as propostas normalizadoras achegadas polo alumnado da ESO para incrementar a presenza do galego no municipio, podendo participar todos os centros educativos que o desexen.
Máis información sobre esta e outras propostas na web www.naronengalego.gal –desde onde se pode descargar o material–.