Arredor de 2.800 persoas desfrutaron da Casa da Xuventude aresana en 2022

Arredor de 2.800 persoas desfrutaron da Casa da Xuventude aresana en 2022
Unha das exposicións que acolleron as instalacións o ano pasado | concello

O Concello aresano fixo onte balance, a través do persoal técnico encargado das instalacións, dos visitantes que acolleu o pasado exercicio a Casa da Xuventude, ubicada na Praza da Constitución. En total foron 2.798 persoas as que pasaron polo inmoble en 2022, un ano “marcado pola volta ás dinámicas prepandemia”.


Así pois, os meses de maior tránsito foron os de xullo e agosto, con 787 e 822 visitantes, respectivamente. En canto ao rango de idade, os menores de entre 11 e 15 anos foron os que máis uso fixeron das instalacións, seguidos polas crianzas de entre 0 e 10 anos.

 

 

Diversas actividades


A Casa da Xuventude consolídase como un dos principais lugares do municipio aresano para que a veciñanza e a mocidade poidan “aprender, xogar, socializar e mesmo desfrutar da cultura”, indican dende o Concello.


O edificio conta no terceiro andar cunha sala que albergou varias exposicións baseadas en diversas disciplinas artísticas.


Este espazo municipal tamén foi empregado no sentido formativo, co desenvolvemento de obradoiros relacionados coas novas tecnoloxías na Auma Cemit. Alí tiveron lugar cursos de informática, ofimática, iniciación ao emprego do teléfono móbil ou modelado 3D, entre outros.


O edificio serve, ademais, como lugar onde resolver dúbidas sobre algún dos procesos telemáticos do Concello, como é o caso de inscribirse en actividades ou obter información sobre os trámites dixitais municipais.


A Casa da Xuventude conta dende o pasado día 1 cun novo horario de apertura, que se prolongará ata o verán.


As persoas interesadas en facer uso das instalacións poderán acudir entre as 10.00 e as 14.00 horas pola mañá e entre as 16.00 e as 19.00, pola tarde. 

Arredor de 2.800 persoas desfrutaron da Casa da Xuventude aresana en 2022

Te puede interesar