O curro da Capelada será escenario este domingo dunha nova edición da Rapa das Bestas, costume ancestral a través do que se procede á cortar as crinas e colas dos cabalos que viven de xeito salvaxe na devandita serra. Trátase, defenden os “besteiros”, dun proceso enmarcado no cuidado dos animais, que inclúe o seu desparasitado, para mantelos frescos e limpos de cara sobre todo ao verán.
Para poder desenvolver esta tarefa, cómpre agrupar previamente as diferentes mandas que viven en liberdade no monte. Neste sábado, como cada xornada previa á da propia rapa, os besteiros afanáronse en reunir aos animais desde a garita de Herbeira, más de cen cabezas, para conducilas ata o peche próximo ao curro, cubrindo así unha distancia aproximada duns sete kilómetros.
Arredor de corenta persoas implicáronse nunha acción que, segundo comentaun dos participantes, “é un dos días máis bonitos para os que organizamos todo isto”. Tamén moi intensa, xa que ao traballo de agrupamento e condución dos animais súmaselle, xa no curro, a tarefa de desparasitación, quedando xa listas as bestas.
A actividade prevista para mañá domingo, xornada central da cita organizada pola asociación San Andrés Eventos co apoio do Concello de Cedeira, dará comezo sobre as dez da mañá coa baixada dos animais ata o curro, onde permanecerán, como é habitual, entre tres e catro horas. Logo voltarán ao seu estado de liberdade ata a vindeira edición.
Mais a festa continuará durante toda a tarde neste lugar do municipio cedeirés, onde o público terá posibilidade de xantar e onde tamén haberá propostas lúdicas como o toro mecánico. Como colofón á intensa xornada, celebraranse carreiras de galope, para as que ás doce será pechada a inscrición. Haberá premios para os tres primeiros clasificados nas dúas categorías nas que se divide a proba.