O BNG demanda á Xunta axudas para as familias de Neda afectadas polas riadas

O deputado comarcal, Mon Fernández, exixe unha actuación de Augas de Galicia
O BNG demanda á Xunta axudas para as familias de Neda afectadas polas riadas
Solicitan a constitución con unrxencia dun Fondo específico para os veciños e veciñas da vila | Jorge Meis

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) solicítalle á Xunta axudas económicas para os veciños e veciñas de Neda afectados polo desbordamento dos ríos Besteiro e Belelle a comezos de mes.


A portavoz da formación na localidade, Cristina Bouza, visitou o lugar e comprobou de primeira man as consecuencias que están a padecer as familias. “O nivel dos prexuízos é moi elevado até o punto de manifestar algunhas das persoas afectadas que perderon todo por completo”, indican os nacionalistas.


Desde o BNG sosteñen que a única certeza das persoas afectadas polas inundacións é que “van ter numerosos problemas económicos e burocráticos que sortear para recuperar a súa vida tal e como era antes de que o torrente de auga a atravesara por completo”.


Por todo isto, o grupo parlamentario, a través do deputado comarcal Mon Fernández, instará na Cámara galega á Xunta “a constituír de urxencia un Fondo de axuda para as persoas afectadas polas inundacións no Concello de Neda”.


Os nacionalistas demandan que dito fondo sufrague a compra de mobiliario, electrodomésticos e roupa necesarios para restituír os perdidos polas inundacións, así como as obras de reparación necesarias nas vivendas e fincas. Tamén que adiante os importes dos custes de reposición e reparación coa presentación dun orzamento, coa obriga posterior de xustificar o gasto coa presentación da correspondente factura. 


“O Fondo poderá recuperar todo ou parte do diñeiro adiantado cando os seguros das persoas afectadas fagan efectivo o pago das indemnizacións polos mesmos conceptos que previamente adiantou o fondo”, explica o Bloque Nacionalista Galego. 

O BNG demanda á Xunta axudas para as familias de Neda afectadas polas riadas

Te puede interesar