O BNG organizou onte pola mañán (12.00 horas) un acto no municipio de Neda para reclamar “a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira”, coñecido como a Cruz dos Caídos, por respecto ás vítimas do franquismo e en cumprimento da Lei de Memoria Democrática. A formación denuncia a “pasividade e a falta de vontade política e compromiso” do goberno municipal do PSOE e sostén que “urxe avanzar de maneira decidida neste ámbito igual que o resto de concellos da comarca de Ferrol” . Dende o BNG exixen a substitución do nome da rúa que homenaxea ao alcalde franquista Gerardo Luaces.
“A Cruz dos Caídos é un monumento franquista de exaltación das persoas do bando gañador da Guerra Civil. Debería ter sido retirada moito antes, en todo o caso, coa aprobación da Lei de Memoria Histórica de 2007 e, con moitos máis argumentos, após a aprobación da Lei de Memoria Democrática” defendeu o escritor, Marcos Abalde. Para o docente, a non retirada deste símbolo trátase ademais “dunha humillación para as vítimas do franquismo, así como un desprezo da súa dignidade que non podemos consentir”, sosteñen os nacionalistas.
A portavoz da formación en Neda, Cristina Bouza, denunciou a hipocresía do goberno nedense. “Presentamos no seu día unha moción no pleno do Concello para a retirada inmediata do monumento falanxista da Toeleira e a substitución do nome da rúa que homenaxea o alcalde franquista Gerardo Luaces, mais PSOE e PP puxéronse de acordo para votar en contra”, lembrou.
Pola súa banda, o deputado no Congreso, Néstor Rego, incidiu no “deber de memoria” por parte dos poderes públicos que establece a normativa. “As administracións públicas teñen a obriga de retirar os elementos contrarios á Memoria Democrática e á dignidade das vítimas do franquismo”.