O Xeoparque Cabo Ortegal, un soño cumprido para os sete municipios que o integran desde maio de 2023, cando a Unesco outorgou este distintivo, ofrece impresionantes paisaxes e unha ampla riqueza natural que están chamados a transformar a relación entre o ser humano e a natureza, por medio da sustentabilidade, a innovación e a conservación.
Para iso, o papel do turismo no desenvolvemento ecómico e social do territorio resulta fundamental e a Deputación da Coruña é consciente diso. Así pois, a través do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) do Xeoparque –enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea cos fondos Next Generation (1,5 millóns de euros)– deseñáronse unha serie de actuacións (25) arredor de catro eixos prioritarios: transición verde e sustentable, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e mellora da competitividade turística.
Dentro destas actuacións, que afectarán aos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño, o organismo provincial acaba de sacar a licitación –as empresas interesadas poden consultar os detalles na Plataforma de Contratación do Sector Público e presentar as súas ofertas até o próximo 31 de outubro– os servizos de estudo e deseño de propostas de actuación para a adecuación de rutas de sendeirismo e Bicicletas Todo Terreo (BTT) para a mobilidade sostible no Xeoparque, un proxecto enmarcado no segundo dos eixos anteriormente mencionados.
O obxectivo desta proposta é facilitar que os desprazamentos dos visitantes se realicen de maneira non motorizada, evitando así danar o ecosistema do territorio. O proxecto non se limita a crear rutas accesibles, senón que promove unha alternativa de transporte que reduza as emisións de carbono fomentando o respecto polo medio ambiente.
Así pois, tal e como se desprende do prego de prescricións técnicas, a empresa encargada do estudo –que sae a contratación por 12.543,67 euros– terá que analizar o estado xeral dun total de 10 rutas –que suman no seu conxunto uns 110 quilómetros– para detectar a necesidade de acometer unha serie de melloras, que se adapten á etiqueta climática 075 da Unión Europea –cuxo coeficiente de contribución aos obxectivos climáticos e ambientais é do 100%–.
Para iso, deberá realizar un mínimo de 10 visitas ao territorio e consultar unha serie de documentos elaborados tanto pola Deputación como pola Asociación para a xestión do Xeoparque Cabo Ortegal.
Finalmente, a empresa terá para presentar un informe descritivo das propostas de intervención nas rutas.
Desde a Deputación Provincial da Coruña explican que para a correcta execución deste proxecto, será necesario levar a cabo a contratación en tres fases diferentes. Con esta primeira, perséguese o obxectivo de garantir “que o completo desenvolvemento da actuación adecúase aos obxectivos a acadar e á contribución climática prevista”.
O Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Proxecto Xeoparque Cabo Ortegal busca lanzar un produto especializado, cunha aposta firme polo xeoturismo –como fío condutor– e co foco no desenvolvemento sustentable do territorio.
Entre as 25 actuacións enmarcadas neste Plan –con catro eixos prioritarios: transición verde, eficiencia enerxética, transición dixital e mellora da competitividade turística – está a acreditación de pequenas empresas do sector, como aloxamentos ou guías, que prestan servizos relacionados coa promoción dos produtos locais e o produción artesanal.
Con este obxectivo, neste mes de outubro, leváronse a cabo dous obradoiros. No primeiro deles, celebrado o día 2, realizouse un diagnóstico dos puntos fortes e febles que presentan as diferentes empresas do sector. Mentres, o pasado mércores 23, a Escola O Castro de Cerdido acolleu un segundo encontro no que se definiron as accións de mellora máis importantes, co obxectivo de deseñar o futuro Sistema de Acreditación de Empresas Xeoparque.
O Parador de Monforte acolleu nos últimos días o VIII Foro Territorios Patrimonio, no que tomou parte o vicepresidente e o deputado de Turismo, Xosé Regueira, reflexionando durante a súa intervención sobre o cambio de paradigma que supuxo a covid 19 no sector. “Neste momento, temos que ir máis aló e buscar o equilibrio entre o que se pode rexenerar e o que se pode consumir, e o turismo pode axudar a loitar contra o cambio climático, poñendo en marcha modelos máis pensados para o territorio”, aseverou.
Neste aspecto, Regueira fixo alusión aos cinco Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) e á estratexia do organismo provincial. “Para converter os obxectivos de Desenvolvemento Sostible (SDG), formulamos un modelo (...) promocionando o destinos pero conscientes o que temos que contribuír a asentar poboación no medio rural; xerar oportunidades para a poboación local e non perder a identidade”.