Cinco concellos rebaixarán o IBI para paliar a afectación aos propietarios das Fragas do Eume

Cinco concellos rebaixarán o IBI para paliar a afectación aos propietarios das Fragas do Eume
Firma do acordo

As limitacións nos usos das propiedades das Fragas do Eume terán unha bonificación que outorgarán os concellos da Capela, As Pontes, Cabanas, Monfero e Pontedeume aos propietarios dos terreos dentro do Parque Natural en canto ao pago do Imposto de Bens Inmobles –IBI–.


As bonificacións fiscais poden acadas ata o 95%, serán aprobadas e reguladas por cada un dos concellos en base á lexislación vixente.


Este acordo rubricouse onte no Concello da Capela por parte do alcalde deste municipio, Manuel Meizoso; o rexedor das Pontes, Valentín González Formoso e a representación de Monfero, onde é alcalde Andrés Feal Varela, ao que se engaden tamén os municipios de Pontedeume e Cabanas, que non puideron asistir á sinatura deste acordo pero que se suman á medida.


Tal e como explicou o rexedor pontés e presidente da Deputación, Valentín González Formoso, “o protocolo entre os cinco concellos busca aproveitar a oportunidade que nos dá a lexislación tributaria para bonificar o IBI que está dentro do ámbito do parque natural das Fragas do Eume”.

 

 

O vindeiro 2 de xullo celebrarase a vista tras admitirse un recurso contra a aprobación do PRUX


Con esta medida,  o organismo quere sentar precedente e así “tal e como esiximos compensacións á Xunta, os concellos queremos tamén dar exemplo con accións coma esta que son da nosa competencia, e que non van supor unha contía económica importante, pero si é un sinal de coherencia e compromiso con centos de persoas que ven limitados os usos dos seus terreos e propiedades”, afirmou Formoso.


No acto celebrado onte remarcouse que ser propietario no ámbito deste parque implica a día de hoxe ter unha serie de “condicionantes e limitacións importantes nos usos da súas propiedades”, polo que se aposta por compensacións para paliar as pérdidas no uso das propiedade que poderían ter de non atoparse nunha zona declarada como parque natural. Neste sentido, tamén se fixo fincapé en que tanto os veciños como os cinco concellos deste ámbito demandan da Xunta de Galicia compensacións “pola limitación de usos que supuxo a aprobación do PRUX. Unhas compensacións que se están aprobando noutras comunidades autónomas e que contan con fondos europeos para elo a través do Fondo de Garantía Agraria da Unión Europea, pero que non se están empregando para este fin”, apuntou o alcalde Valentín González Formoso. 
O colectivo de afectados, que agrupa a centos de persoas, presentou un recurso contencioso-administrativo contra a aprobación do Plan Reitor, que foi admitido a trámite e cuxa vista está prevista para o vindeiro 2 de xullo nos xulgados da Coruña.


Os propietarios dos terreos do parque natural das Fragas do Eume levan máis dun ano manifestándose de forma periódica para demandar á Xunta un Plan Reitor “consensuado” e que inclúa “compensacións xustas” polas limitacións nos usos das súas fincas. 

Cinco concellos rebaixarán o IBI para paliar a afectación aos propietarios das Fragas do Eume

Te puede interesar