Curripas, un tesouro patrimonial no corazón das Fragas do Eume

Curripas, un tesouro patrimonial no corazón das Fragas do Eume
Curripa circular I foto Museo Etnografico da Capela

A castaña foi o alimento base na Galiza durante séculos, destronada posteriormente coa chegada da pataca. Mostra da súa importancia atopámola en pleno corazón das Fragas do Eume, onde resisten unhas pequenas construcións chamadas curripas, descoñecidas por moitos pero que tiveron grande importancia na sociedade galega. “Cada propietario e cada finca tiña unha. Eu creo que hai centos”, explicou César Martínez, da Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula, a pasada fin de semana durante un roteiro polas parcelas das que dispón a entidade no parque natural en Monfero.


Nesta actividade –que se levou a cabo malia que o tempo non acompañou aos voluntarios e voluntarias– realizouse unha pequena limpeza dunha destas curripas, tamén chamadas ouriceiras, que a asociación atopou recentemente e que pretende restaurar para a súa conservación.

 

Curripa Betula
A curripa na que traballou a asociación na pasada fin de semana I Betula

 

Trátase dunha construción de pedra –normalmente con forma circular ou rectangular– na que se acumulaban os ourizos. Esta cubríase cunha estrutura vexetal –de felgos, follas, ou xestas, “do que haxa a man”, explica Martínez– e deixábase entre os meses de outubro e xaneiro, aproximadamente. “A parte externa do ourizo ía podrecendo (...) e apañábanse as castañas xa limpas para comer. E de aquí sacábanse os sacos e subíanse para a parte alta, onde se cargaban en carros para levalas a casa. Alí poñíanse a curar nos caínzos, con fume, para que secaran ben”, expuxo o membro de Betula o pasado sábado aos presentes no roteiro.

 

 

 

 

Etnografía

Desde a asociación remarcan o “patrimonio histórico impresionante” presente nas Fragas.


Ademais destas curripas, Martínez destaca “os muíños. Na zona de Taboada, por exemplo, hai un rego no que se atopan seis ou sete muíños en cascada. É unha pena non recuperalos porque é un conxunto precioso”, apuntou. 

 

 

Curripas, un tesouro patrimonial no corazón das Fragas do Eume

Te puede interesar