A enerxía sostible chegará a Vilarmaior impulsada polos seus veciños

A enerxía sostible chegará a Vilarmaior impulsada polos seus veciños
Primeiro bosquexo que manexa a entidade veciñal A Armonía sobre o proxecto enerxético comunitario | cedida

O mes de xaneiro adoita comezar con bos propósitos de cara ao futuro, un feito que os veciños e veciñas do Concello de Vilarmaior levan ao seguinte nivel coa súa pretensión de botar a andar un proxecto que, de saír adiante, ben podería converterse nun exemplo para moitos outros lugares do noso país.
 

A asociación veciñal A Armonía atópase nun período inicial –en fase de análise da súa viabilidade– para a creación do que podería converterse na primeira comunidade enerxética (de tipo fotovoltaico) da provincia promovida por unha entidade veciñal. 
 

Dende a directiva da asociación están a difundir esta idea,  na que levan traballando dende o mes de abril, co obxectivo de conseguir xerar, distribuír e compartir enerxía sostible a prezos xustos. “Despois de manter unha reunión coa xente da Casa da Enerxía das Pontes, concretamente co seu xerente, Xesús Castro, e cun técnico especialista como é José Manuel Golpe, plantexóusenos a posibilidade de creala”, afirma o vicepresidente da AVV A Armonía, Francisco Doural.
 

Dende a entidade veciñal apuntan a que a edificación deste parque de creación de enerxía repercutiría dun xeito máis que positivo na factura da luz. “Temos un estudo que amosa que o aforro oscilaría entre un 30 e un 40%. E vendo aos niveis aos que está hoxe...”, indica Doural, argumentando que sería “unha grandísima aposta”, ademais de “pioneira”.

 

Financiamento

Un dos posibles atrancos cos que se podería atopar a veciñanza de Vilarmaior é o elevado desembolso ao que terán facer fronte para sacar adiante dito proxecto. “Aínda non me quero aventurar a dicir ningunha cifra en concreto, porque depende de moitos factores que aínda debemos calcular e estudar, pero falamos posiblemente duns 400.000 euros”, expón o vicepresidente de A Armonía, que explica que xa mantiveron encontros nesta liña coa Deputación da Coruña. “A intención é empregar fondos europeos a través do organismo provincial. Son números que aínda non sabemos con exactitude mais son elevados. Intentaremos que a meirande parte sexa sufragada con axudas tramitadas a través de diferentes administracións”.

 

Ubicación

A pretensión da entidade veciñal é construir a comunidade enerxética nunha parcela da súa propiedade. “Isto implicaría abaratar os custos”, indica o vicepresidente. A asociación xa se puso en contacto co Concello de Vilarmaior para comunicarlle a súa intención. “Agardamos que se poida implicar no proxecto, xa que hai unha cantidade importante de infraestruturas municipais que se poderían beneficiar tamén”, explica Doural. “Sabemos que os permisos levan tamén o seu tempo pero contamos con que se poidan facer na máxima brevidade posible, sempre dentro da legalidade e dos tempos necesarios”, engade.

 

Boca a boca

O vindeiro sábado 21 A Armonía manterá unha xuntaza cos seus socios para darlles a coñecer os pormenores do proxecto.
 

“Neste tempo o que nos funcionou foi o boca a boca. Na reunión participarán técnicos especialistas na materia para abordar e resolver todas as cuestións e dúbidas que poidan ter os veciños”. 

A enerxía sostible chegará a Vilarmaior impulsada polos seus veciños

Te puede interesar