Cando un festival chega á edición número 26 a primeira pregunta é obvia: Cal é o segredo? A Asociación Cultural Felicia leva ás costas o Felicia Pop, un evento que dende hai máis de dúas décadas lle pon ritmo ás noites de Limodre. Nesta edición tampouco teñen pensado nin baixar o nivel nin subir os prezos, ambas cousas pola mesma razón: teñen un público fiel que os acompaña e que confía neles ano tras a ano, e queren que o cariño e a confianza sexan recíprocos.
Contan cunha oferta internacional, con grupos que veñen de Escocia ou Holanda e que acompañarán aos locais tanto o venres 9 como o sábado 10 de agosto. Ámbolos dous días as actuacións comezarán ás 21.00 horas e non teñen présa por rematar. De feito, contan con DJ’s que acompañarán aos máis nocturnos ata que o corpo aguante. "Pop, rock, folk... Todo mesturado, músicas americanas, inglesas, anglosaxonas, soul”, responde o colectivo cando se lle pregunta quen ten cabida nestas noites de verán.
Unha parte moi importante para seguir cara ao camiño da lonxevidade é ter a “mente aberta”, como din dende a asociación. Posto que, pese a que hai unha tendencia ao pop e ao rock, queren non ser un “festival monotemático”. Eles sempre buscan que exista unha diversidade, pero explican que “este ano é especialmente variado”. Intentan dar cos ingredientes para ter unha receita na que non entren as repeticións.
Unha cousa que non deixa indiferente a ninguén é a capacidade da organización para contar con artistas de semellante calibre que, en tantos casos, son descoñecidos para moitos dos asistentes. Xogar co factor sorpresa non é unha novidade no programa festivaleiro e supón un traballo extra para eles. Dende a asociación explican que o traballo para a selección é continuo e, en ocasións, ata eles mesmos descobren xente que despois pasa a ser esencial nas súas listas de música persoais.
O Felicia non conta cun presuposto vertixinoso e, a pesar de que en certas ocasións hai grupos que dixeron non, hai quen baixou o seu caché para poder tocar no seu escenario. Despois de 26 anos, quen está detrás dos focos sabe que neste evento a actuación vai ser diante de xente que os vai valorar dunha maneira especial. “Ás veces este tipo de valores, para un artista (...) están moi presentes”, sinalan.
Hai quen pensaría que o máis lóxico sería subir o prezo dos abonos para poder medrar, pero eles non están de acordo. Avogan por unha experiencia asequible e gozable por todo tipo de petos e deciden manterse fieis. Acudir dous días ao festival ten un custo de 20 euros. Se só se pode ir un, indiferentemente se é o venres ou o sábado, o prezo baixa aos 15 euros.
Isto quizais tamén sexa un aliciente, tanto para os xa fieis do Felicia Pop, como para os que están coa idea de animarse por primeira vez. Sen dúbida é salientable para arredor de 500 persoas –contando ámbolos dous días de festival– que, segundo os datos dos organizadores, é unha aproximación da asistencia que tiveron nas últimas edicións.
Como adiantaron dende a asociación, este ano van sorprender cunha “pre festa” o xoves 8 de agosto, día previo ao comezo oficial do festival. Dende a organización queren homenaxear a quen foi mestre de cerimonias de fin de festas e tamén colaborador e participe no festival. A perda nos últimos días de José Ardá terá, pois, presenza no evento.