O centro de transformación alimentaria A Fusquenlla conta con tres novos municipios –Narón, As Pontes e Cedeira– conformando así, con Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño, unha unión más forte, con máis fondos propios, capaz de captar novos investimentos e que consolida o seu carácter comarcal.
Os rexedores de Narón e de Cedeira, Marián Ferreiro e Pablo Moreda, e a concelleira pontesa de Promoción Económica, Elena López, subscribiron onte o documento de adhesión, que irá seguido dos correspondentes convenios, para sumarse así ao sostemento das instalacións que xa están en marcha en Moeche e que ofrecen os seus servizos a produtores e produtoras de toda a comarca.
Nas súas instalacións, a partir de materia prima local, pódense elaborar zumes, conservas de horta e froita e, en breve, tamén extraer e envasar mel, tanto para comercializar como para autoconsumo. Faise con equipamento moderno e todas as garantías sanitarias e de trazabilidade alimentaria. De aí saíron marcas como o zume de mazá Bieiteiras, marmeladas e tomate confeitado de Lúa de Dexo ou delicia de pemento de Ay! Carmen.
“Ofrece unha oportunidade moi grande para a xente que quere traballar e potenciar os recursos que ten a nosa terra”, apuntou o alcalde Pablo Moreda.
Pode axudar “a darlles saída aos excedentes estacionais” coa transformación en produtos “cun maior valor engadido”, explicou Elena López, das Pontes.
Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón, afirmou que moitos produtores da localidade acoden a Moeche “e cremos que era fundamental colaborar entre todos os concellos para ir máis alá e dar un mellor servizo”.
Beatriz Bascoy, rexedora de Moeche, subliñou que “se está consolidando o carácter comarcal co que naceu o proxecto” e valorou a súa actividade, con 119 persoas interesadas e 50 co curso obrigatorio feito. Tamén destacou o apoio da Deputación, da Xunta e dos fondos europeos Leader a través de GDR Seitura 22.