O grelo do Val de Xestoso: un tesouro verde que se celebra en febreiro

O grelo do Val de Xestoso: un tesouro verde que se celebra en febreiro
Veciñas da zona mercan madas de grelos na edición anterior da feira | Daniel Alexandre

O vindeiro día 23, o campo da festa do Canedo, en Val de Xestoso (Monfero), converterase nun fervedoiro de actividade coa celebración da Feira do Grelo, que este ano alcanza a súa vixésimo cuarta edición. Impulsada pola cooperativa do lugar –e coa colaboración do Concello e Eventos Trastoy–, a cita pretende non soamente exalzar un dos produtos máis emblemáticos da gastronomía galega, senón tamén pór de relevancia a importancia do sector primario na economía, non só do rural.


A xornada comezará ás 10.00 horas cunha calorosa benvida aos asistentes e a tradicional solta de bombas de palenque. A partires dese momento, os que se acheguen ata a parroquia monferesa poderán gozar dunha exposición de maquinaria agrícola e de artesanía local. Media hora despois, dará comezo a exhibición e venda dos tan afamados grelos e outros produtos indispensables para desfrutar dun bo cocido.


A banda sonora desta mañá festiva correrá a cargo da agrupación folclórica Virxe de Cela. Ademais, como en cada edición, un dos momentos máis agardados será o do concurso para premiar as mellores madas e a cesta mellor adornada, que terá lugar ao mediodía.

 

 


O pregón deste ano (13.00 horas), a cargo da presentadora do programa da Televisión de Galicia “Quen anda aí?”, Raquel Atanes, dará paso ao tradicional xantar popular –baixo carpa e con servicio en mesa, sen necesidade de facer cola–.


No menú, como non podía ser doutra maneira, reinará o grelo.   Ademais, os padais máis esixentes serán satisfeitos por sopa de cocido e un cocido completo –ademais do “tesouro verde”, haberá patacas, costela, lacón, chourizos, morro, orella e garavanzos–. Para rematar, haberá requeixo e mel de Monfero, todo acompañado de auga, refrescos e viño. O prezo por persoa será de 25 euros e a sobremesa estará amenizada por Eric Hidalgo.

 

Produto marcado polo clima

O grelo de Xestoso ten características únicas que o diferencian doutros. A xerente da Cooperativa Val Xestoso, Francisca Couto –coñecida como Pacucha–, explica que esta zona da comarca posúe un microclima especial dentro do interior galego, que favorece que sexa máis tenro e que teña menos fíos no cañoto. “Nós estamos nun val, e iso dálle un toque especial. O frío faino máis brando e gustoso”, comenta. 

 

De feito, algunhas persoas referíronse a este grelo como o “espárrago galego”, pola súa textura e sabor distintivo. Foi, precisamente, Luis Ángel Rodríguez Patiño, o recoñecido cura do lugar, o que os bautizou con dito alcume, “pola súa gran calidade en canto a textura e sabor doce, que fan que se poda comar todo”, sostén o párroco.

 

 

 

A diferenza entre os grelos desta zona e os doutras é evidente para os que os coñecen ben. “Os meus sogros son da contorna de Ordes e antes non coñecían os nosos grelos, pero cando os probaron déronse conta da diferenza. Aquí, cando cocemos o grelo, queda tan tenro que parece manteiga”, asegura Pacucha.


En canto a como vai indo a tempada, desde a cooperativa explican que este ano o frío afectou de maneira desigual ás colleitas. “Hai xente que tivo boas leiras, pero a outros estragóuselles bastante. A cantidade reduciuse en comparación con outros anos, e iso sempre afecta ao mercado”, comenta a xerente.

 

Relevo xeracional

Pero máis aló das condicións meteorolóxicas, un dos grandes desafíos que enfronta o sector é a falta de relevo xeracional. Na actualidade a cooperativa conta tan só cuns 15 produtores, cifra que se queda moi lonxe da de hai décadas. “A maioría dos que traballan nas leiras teñen máis de 50 anos, moitos xa pasan dos 60, e non hai xente nova que queira continuar co traballo”, lamenta a xerente, que engade que a recolección dos grelos require dunha dedicación constante. “Non é coma as leitugas, que podes coller dunha soa vez. Aquí hai que ir semana tras semana, vendo cales están listos e apañándoos un por un”, explica. Isto supón un traballo moi físico, que desanima a moitos mozos. “Se non tes tradición familiar ou amor pola terra, é difícil que te metas nisto”, engade.


A solución, comenta Pacucha, pasaría por incentivos das administracións para que os mozos vexan unha opción de futuro no campo. 


“No seu momento, cando houbo o ‘boom’ do ladrillo, moita xente nova marchou ás cidades. Agora moitos queren volver ao rural, sobre todo despois da pandemia, pero non para traballar no agro. Queren vir con comodidades e cando chega o inverno, xa non lles parece tan atractivo. Os do rural sempre estamos máis abandonados que os da cidade”, comenta con certa resignación.

 

Artigo “de luxo”

A escaseza de man de obra e a irregularidade climática fan prever que o grelo poida converterse nun artigo de luxo nos próximos anos. “Intentamos manter un prezo razoable, pero se hai pouca produción, o prezo vai subir inevitablemente. Agora vendémolos a tres euros”, explica Pacucha. Aínda que a cooperativa loita por preservar a calidade do grelo tradicional, tamén se enfronta á competencia de producións máis industrializadas. 


“O noso grelo é 100% tradicional, sementado e apañado como facían os nosos avós. Hoxe en día, todo tende a mecanizarse, pero no noso caso é moi difícil porque non hai unha máquina que recolla os grelos co mesmo coidado que unha persoa”, comenta. 

O grelo do Val de Xestoso: un tesouro verde que se celebra en febreiro

Te puede interesar