Marián Ferreiro: “Narón continúa sendo unha cidade atractiva para vivir”

Marián Ferreiro: “Narón continúa sendo unha cidade atractiva para vivir”
La alcaldesa de Narón posa delante de las letras del municipio |J. Meis

Aproveitamos a xornada na que Narón celebra o seu día para abordar coa súa alcaldesa, Marián Ferreiro, algunhas cuestións que afectan ao municipio, como, por exemplo, o trazado do Camiño Inglés.

 

Nunha xornada repleta de actividades contouse cunha previa adicada aos máis pequenos para que coñecesen o municipio. 

 

Cal é a importancia deste tipo de iniciativas? Van unidas, dalgún xeito, á proposta de que coñezan por dentro o Concello e o seu funcionamiento?
É unha proposta que poderiamos considerar complementaria ao programa de visitas de coñecemento da administración local que levamos a cabo dende hai varios anos en colaboración con centros de ensino da cidade. Menores de Infantil e Primaria visitan as dependencias municipais, o salón de plenos, a Policía Local e tamén outras exteriores como a Biblioteca, o Speis… e teñen a oportunidade a través dun vídeo e outras actividades didácticas de coñecer o funcionamento da administración local. Consideramos que é importante que teñan eses coñecementos dende pequenos para achegalos ao Concello e tamén coñecer as súas impresións e visións da cidade.


A celebración do Día de Narón vai un paso más alá na creación dunha identidade compartida na localidade. Socialmente, como se traduce isto?
O 23 de novembro do ano 1878 é a data da primeira acta que se conserva do Concello de Narón, que se localizou na parroquia de San Xiao. É a festividade local e un día que dende o Concello queremos celebrar cada ano con diferentes propostas pensadas especialmente para as naronesas e naroneses.

 

Unha das obras máis importantes deste Concello é a rehabilitación do muíño de Xuvia. Agora, unha vez inaugurado, que perspectivas de futuro ten este enclave?
A súa apertura ao público é un paso máis neste longo camiño que realizamos para poder poñer á disposición da cidadanía unha das xoias patrimoniais da nosa cidade. Ofrecer a posibilidade de coñecer a historia deste muíño e poder celebrar alí algúns actos con capacidade limitada, programar visitas guiadas… son unha excelente oportunidade para darlle vida durante todo o ano a esta edificación.

 

O pasado verán puxéronse en marcha propostas para fomentar o turismo. Cal é o balance da fin da tempada estival?
O turismo en Narón é un valor en alza. Somos un concello de paso do Camiño Inglés e o Camiño a Santo André de Teixido, e ao longo do ano son moitas as persoas que realizan estas dúas rutas de peregrinaxe. A maiores, tamén contamos con eventos multitudinarios, como as 21 Leguas, a concentración moteira, o rally de Narón… que cada ano atraen a un maior número de persoas á nosa cidade. O balance que facemos é moi positivo porque somos conscientes de que Narón cada vez está mellor posicionado a nivel turístico dentro da comarca. Temos moito que ofrecer e nesa liña traballamos.

 

A peregrinaxe creceu de maneira exponencial nos últimos tempos, sobre todo aqueles que optan por comezar en Ferrol o seu percorrido, pasando por Narón. Que importancia ten o Camiño Inglés para a cidade?
O paso do Camiño Inglés é fundamental. Tanto é así que no paseo de Xuvia está colocado un fito de pedra no que se marca o punto exacto do quilómetro 100 a Compostela, a distancia mínima para recibir a “compostela” para os peregrinos. A día de hoxe temos rexistrado o produto turístico “Narón 100”, identificativo do noso xeodestino. Esta é unha das iniciativas pensadas para conseguir un retorno económico no sector hostaleiro e comercial da nosa cidade, que é moi variado e ofrece unha gran calidade nos seus servizos e produtos.

 

Tendo en conta a última reunión co presidente autonómico, Alfonso Rueda, cal é a situación actual despois de que os orzamentos da Xunta non contemplen novos investimentos en Narón?
Dende o goberno local levamos varios anos presentando unha moción aos orzamentos da Xunta precisamente pola falta de investimento da Administración autonómica na cidade. Así o manifestamos e denunciamos en varias ocasións e así o seguiremos facendo. A entrevista co presidente, solicitada dende que asumiu o cargo por vez primeira e en reiteradas ocasións, por fin nos permitiu expoñerlle persoalmente as nosas demandas e necesidades, que non son outras que as das veciñas e veciños de Narón.

 

Que balance fai deste 2024?
O balance é positivo. Precisamente acabamos de inaugurar o Centro de Información dos Muíños Industriais de Xuvia; o campo de tiro con arco do Río do Pozo está rematado; estase executando a piscina do Couto… Narón continúa sendo unha cidade atractiva para vivir e que ofrece servizos e equipamentos de calidade á veciñanza.

Marián Ferreiro: “Narón continúa sendo unha cidade atractiva para vivir”

Te puede interesar